vb1varaguas.html
Agora
que cío coa ollada no tempo, reparo en que levo feitas moitas
cousas. O que me sorprende, sobre todo porque son dos que
reivindican, con Lafargue, o dereito á perguiza. E tamén pois
penso que non é coa actividade do Workaholie como se
xustifica o paso por este camiño estreito, se callar vizoso, que
chamamos vida. Xustifícase, digo eu, con aloumiñar un corpo de
cando en vez, con botar unha parolada con quen saiba que dicir ou
calar, con ollar para as nubes ou para o amor, con escoitar a
música do silencio, non sei. Entón sería por un malentendido
que encetei a boroa artística, poñamos, pola consabida canción
belixerante dos anos sesenta e pico (xa non sei se de ave, como
quería Cunqueiro, pero si do de traballar con dureza, voz,
guitarra e canción). E foron os anos de Voces Ceibes, entre o 68
e o 74, e foron dous discos individuais e outro colectivo, e
amigos, amores, tamén que se lle vai facer algún inimigo,
pero estes, xa se sabe, se non matan endurecen. Despois, a
petición de Víctor Freixanes (unha débeda), escribín Voces
Ceibes (Vigo, 1991), ensaio sentimental e meditado sobre
todo aquilo. A militancia en Voces Ceibes, e sei o que me digo,
serviume tamén para obstaculizar o meu camiño literario porque
aquí, xa se sabe, abonda con que fagas unha cousa. Así que
houbo (hai) quen me descalificou como escritor ou crítico,
dicindo que para que, se non tiña suficiente con ser cantante,
se bla, bla, bla. ¿Envexa? Supoño que non. El será que no
mundiño literario galego somos moitos e compre desbotar
competidores. Como crítico hai quen anda a dicir que son
"mala persoa" "e mira que era bo rapaz"
pero isto é porque xa caín da burra dos méritos literarios do
quidam (a real bluff). Pero, volvendo ao rego, direi
que, cancións a unha beira e licenciado en Filoloxía Inglesa
(para ler a Joyce en vivo, para entender a Dylan, Bob e Thomas,
falar coas nativas e os nativos) eu marchara a Glasgow (Escocia).
Alí din clases de español entre 1972 e 1973, e deducín moitas
cousas. A máis importante que a poesía (facela, digo) era cousa
grande, o meu amor, e por iso o meu primeiro libro foi Paisaxes
de Glasgow (Vigo, 1978) que me publicaran Pepe Cáccamo e
Xosé María Álvarez Blázquez (outra débeda). Desde este libro
a Río Matinal (A Coruña, 2000), pasaron unha decena de
volumes de poesía, non direi poemario (palabra nefanda) así me
leven ao inferno, entre outros Poemas para Ana Andrea
(Madrid, 1982), o que máis amo, e unha antoloxía bilingüe
galego-español, Billarda (Madrid, 1999), que aconsello
a quen queira saber que cousa é a miña poética. Tamén polo
prólogo preciso/precioso de Fermín Bouza Álvarez. Por certo
que de Glasgow eu volvera a Santiago, un ano triste cheo de
"hermanos de La Salle", experiencia traumática que
algún día contarei polo miúdo. Mais como non todo é poesía,
escribín e publiquei un par de novelas: Agora xa foi (A
Coruña, 2000) e A canción do verán (Vigo, 2001). A
primeira tivo boas críticas (Eyré, Nicolás, Xulio Calviño,
Anxo Franco, Llorca) e a segunda unha certa acollida lectora.
¿Máis novelas? Virán, espero, en canto que teña o tempo que
as clases, as críticas e as traduccións andan a me negar. De
Santiago vin para Madrid, cousas do amor que non cesan, e aquí,
en Majadahonda, onde vivo desde 1979, escribo estas liñas máis
ou menos autobiográficas. Aquí, en fin, escribín ou escribo,
como un estaxanovista, críticas, recensións, entrevistas para Leer,
El Correo Gallego, O Correo Galego, Diario de Ferrol. Antes
o fixen para El Urogallo, ave literaria que morreu sen
deixar unha débeda, tomen nota, e Diario 16 (todo o
contrario). Como traductor fun ou vin do inglés ao galego, e
deste e do portugués e de novo do inglés ao español.
Stevenson, Joyce, Heaney, D. X.
Cabana, Celso Emilio
Ferreiro,
Mário Cesariny, Vinícius de Moraes, Eduardo Lourenço, Derek
Walcott son algúns dos autores por min traducidos/recriados.
Non o dixen aínda pero nacer nacín
en Xuvia-Neda (Coruña), o 24 de setembro de 1950, un ano
redondo, no que EE.UU., vaia por Dios, andaba a deixar a súa
pegada violenta en Corea. Un día domingo ás once e media da
mañá, e por iso que desde aquela amo os domingos. Neda, en fin,
era a vila bucólica que hoxe non deixou de ser. Eu igual tamén
tiña algo de bucólico, agora calquera sabe. Gusto, en fin, das
bicicletas, dos "slow-rock", das olladas claras, dos
ríos mansos, das aves migratorias, dos poemas de amor ben
tirados, de Rosalía de Castro (por todo), da ironía, dos
suplementos literarios, de Escocia, de Eça de Queirós, de ti,
que non me les, pero que me entendes, se ti que me entendes e que
tamén me les, de andar a pé e subir aos montes porque despois
de que os baixas van seguir aí, das reconciliacións, de Ancos e
da Louseira, de ciar coa ollada nos tempos que xa non serán.
|