X. Ant�n L. Dobao


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1antondobao.html

Catorce teses para contar fragmentos subxectivos dunha vida.

1. Quen nace sen o seu consentimento non pode ter na infancia un paraíso perdido.
Eu non pedín vir a este mundo. Pero nacín un 16 de xullo de 1963 en Lugo, o primeiro de tres irmáns. Albisquei as primeiras sombras na periferia de tódalas periferias, en Garabolos, parroquia de Albeiros. Nunha chabola, como lle chamaba miña nai, non sen cariño, a aquel faiado que se me imprime na memoria. Lembro a fiestra pola que entraba a deconstrucción da natureza, edificio símbolo da potencia constructora dun capitalismo que cortaba a nosa única liña de fuga. A escola, o bus a 2.50 pta, as tardiñas do inverno frías coma paredes, a bicicleta de meu pai, os cromos de futbolistas que nunca dei coleccionado, o lume novo, o fútbol ó que meu pai me levou desde os dous anos. A infancia é subxectividade fragmentaria. Meu pai, albanel. Miña nai, traballadora na súa casa. Os dous, a tempo completo. A explotación da vixilia e do sono. No 69 nace meu irmán. Pouco despois, imos vivir para a Milagrosa, o barrio obreiro de Lugo. Miña mai mestura ledicia con morriña, coma se a mudanza lle crebase os lazos co tempo e coa vida. No tránsito á adolescencia, coñecín a diferencia de clase. Viviamos pé da Avenida da Coruña, onde habitaban clases medias e pequena burguesía. A diferencia é material, márcana posesións doutros rapaces do meu tempo cos que se estableceu un sucedáneo de amizade do que nada quedou cando, anos despois, marchamos a vivir ó barrio de Fingoi. A adquisición dalgúns deses bens materiais (teléfono, coche, televisión, etc.) vai marcando fitos na memoria dun neno. Sobre eles, o nacemento de miña irmá en 1975.

2. O acordo da razón é o primeiro coñecemento da materialidade.
O almanaque dos anos 70 fíxame á realidade. Desde a morte de meu avó ó sentimento como soleira da razón, a mobilización afectiva na materialidade dos símbolos. Meu pai é un proletario libre, consciente, que participa nos primeiros núcleos do SOG en Lugo e, como delegado da ING, na traizoada folga da construcción. Da conciencia de clase saca derrota, despido, o posterior esgazamento da INTG. Na memoria inscríbeseme o nome de Hipólito, o seu patrón, como paradigma da explotación capitalista brutal. Nese tempo nace a conciencia antagonista. Na casa descubro o himno galego e a internacional en letra impresa presididos pola bandeira da banda azul e a estrela encarnada. Esa simboloxía explica as miñas conexións emocionais. Culpa tamén dun poeta mozo que, en conversa coloquial, lle falaba a meu pai, na miña presencia, da plusvalía, da acumulación, da explotación, do exército de reserva, da máquina. É Darío Xohán Cabana, con quen se sabe sólida a amizade herdada. A liberdade faise necesaria, e esa conciencia trázanos diferentes. Por eses anos tamén descubro a literatura nunha espiral de abraio. Nace a potencia de expresar en escrito o que de palabra non podía. Ese rodeo para enganar o abismo conducirame á poesía. Son a miña iniciación os nomes de Salinger, Faulkner, Aldecoa, Neira Vilas, Celso Emilio, Miguel Hernández, Neruda, Vallejo, Ostrovski e a súa epopea da Revolución Soviética... Canda eles, o de Gonzalo Allegue. O meu mundo referencial edifícase entre Lugo e Córgomo de Valdeorras, onde naceu miña mai e morreron meus avós. Alí experimento o mundo familiar e tribal. Atópame a conciencia social e comunitaria no coñecemento do agro, da viña e no oficio de meu pai, en Lugo, con quen acudo a facer traballos de fin de semana. Son estudiante, aprendiz de labrego e pinche de albanel. Fórmome no compromiso con esa cultura, con esas terras, coa miña clase, co mundo desexado e os seus símbolos. Así ten que ser.

3. O corazón da tribo dos vencidos late nunha lingua que lle dará o futuro en forma de esconxuro contra máis derrotas.
Terminando o COU decido facer a carreira de filoloxía. Ó primeiro, é a literatura a causa. Despois, a lingua, síntese da materialidade coa que se fora construíndo o meu universo externo e interno. A lingua como fundamento do ideario constructor desta nación chamada Galicia por parte das súas clases populares. É a única pertenza individual e colectiva. O único que se pode perder.

4. Quizais a poesía non é unha arma cargada de futuro, pero é imprescindible para sobrevivir.
No 81 ingreso no Colexio Universitario de Lugo, onde estudio os tres primeiros anos de Filoloxía e contacto coa revista DORNA, referente para coñecer a dimensión da literatura que se fai nesa altura. Nela publico os primeiros poemas. Despois formarei parte do seu consello de redacción. Ese camiño tiña que concluír na publicación do meu primeiro libro no ano 87. Desde o teito da noite é un poemario elaborado nos anos de exilio e crecemento que van do 84 ó 86, cando terminei a carreira en Santiago. Nel pesa a soidade, a saudade do amor, personificado en Pilar, que queda en Lugo. Coñecémonos no verán de 1984.

5. A socialización do ámbito público da comunicación é indispensable para a liberdade.
En 1986 terminei a carreira sen ter claro o futuro profesional. Non estaba disposto a outro exilio de min mesmo, así que, o mellor era esperar a ver como ese futuro me visitaba. No mes de novembro xurdiu a posibilidade de entrar a traballar como lingüista na TVG. O medio da esperanza. Galicia e a súa lingua, protagonistas. Alá fun hai quince anos cun compromiso decidido coa lingua. O pobo ten que recibir a súa lingua en forma de comunicación. É a única pertenza. Despois viría a acción sindical. Os dous compromisos son inseparables. Os traballadores terían que protagonizar a implementación do estatus teórico do idioma. Son delegado sindical e membro do Comité de Empresa, primeiro pola CXTG e despois pola CIG, durante nove anos, os máis deles como presidente do Comité de Empresa. Foron tempos de folgas, peches, mobilizacións, intervención social e tribuna pública en defensa dun medio público en perigo que acabaron por me levar a un lustro de ostracismo profesional. A represión en forma de expropiación do traballo.

6. A esquerda, o comunismo son valor e afecto de transformación e subversión ou nada.
Marxismo e nacionalismo, é dicir, independentismo, forman o meu ideario. Nesa altura, creo ver no PSG-EG o instrumento de participación política. Pero a militancia é breve, aínda cunha candidatura á alcaldía de Lugo resolta con menos de mil votos. Elixín á mantenta un Día da Clase Obreira Galega para marchar despois de alguén inventar Unidade Galega. Pese ós seus presupostos teóricos marxistas, aquel partido só era unha organización electoral coa que, visto hoxe, as miñas ideas pouco tiñan que ver. Non foi engano do PSG-EG, senón meu. Hoxe non faría parte dun ornamento dun sistema de explotación, dominio e control.

7. O pensamento crítico é a violencia contra a antoloxía do pensamento único dominante.
En 1990 tiven o honor de formar parte do Comité de Redacción fundador de A Trabe de Ouro, a revista dirixida por X. L. Méndez Ferrín. Estes once anos de presencia na revista conforman a miña bagaxe política e cultural máis rica. Comparto compromiso con moitas das persoas máis interesantes que coñecín desde o punto de vista político, intelectual e persoal. A experiencia está viva. É o meu compromiso máis importante, unha resposta á explotación totalizadora do sistema. No plano persoal, teño na TRABE bos e leais amigos.

8. A poesía segue a ser a trampa para enganar os absurdos da vida.
Son escritor lento. Remoio nos textos, doulles tempo, esquézoos e despois retómoos para comprobar a súa potencial capacidade comunicativa. Mais iso non ocorreu co meu segundo poemario Caderno dos dereitos e das horas. E igual o resultado non é peor nin mellor. Non o podo saber. Véxoo como transición á fronteira dunha procura. Mantén moito do que ofrecía Desde o Teito da Noite e engade, creo, algo que anuncia un lento camiñar do eu poético ó nós-outros. Un camiño que non é máis ca un proceso de con-fusión, unha síntese entre dúas miradas non necesariamente antagónicas.

9. A lingua oral é a débeda pendente da modernidade coa nosa tradición cultural. O seu desprezo é a traizón e a condena a morte do idioma.
Contra 1995 retomo na TVG a revisión lingüística das dobraxes de películas feitas en empresas privadas. Volve xurdir o conflicto como resultado espectacular —o menos eficaz— do meu traballo. Coas empresas —pola devolución de material, co incremento de custos que iso supón— e con parte dos profesionais da dobraxe. A cuestión técnico-lingüística é simple: o galego ten características fónicas e prosódicas que deben ser respectadas. Fronte a isto, practícase a deturpación gratuíta, un modelo alleo que agudiza o proceso de substitución. É o reflexo dunha contradicción social profunda. O discurso oral público é o gran desprezado. O símbolo do dominio de clase.

10. A literatura non é estaribel, non é festa de alta sociedade. É a apropiación necesaria dos medios de producción inmaterial.
Estas experiencias e a reflexión condicionan a miña terceira entrega poética, O Tempo Entre Murallas. A vida flúe polas súas páxinas. Para min ese é o mérito deste libro, que se abanea entre o eu e o nós-outros, entre o amor e a reflexión sensible acerca da existencia e a conciencia nacional e de clase. Darío Xohán Cabana no prólogo e X. L. Méndez Ferrín no epílogo explícano moito mellor. O libro significa pechar un ciclo e albiscar outro, sobre todo desde o punto de vista formal. Canto ós contidos, estou condenado a arrodear o imposible, a utopía colectiva, a utopía individual. Sen esas utopías, ¿qué sería de nós? Así será sempre.

11. A liberdade de expresión non é patrimonio das empresas mediáticas, é unha aspiración social comunitaria, utopía encadeada na individualización universitaria.
A comunicación é mercancía, producto da explotación sobre a cooperación social. En 1995 preséntome a unha praza de profesor asociado na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago. Ó cabo de voltas e contravoltas, este lingüista (dun medio de comunicación, si, pero lingüista) faise profesor asociado de Libro de Estilo contra o desexo do gremio. Só cinco anos. Ata que se decide non me renovar contrato por non ser xornalista pois, ó parecer, a miña formación inhabilitábame para ensinar comunicación. Voume, pero non me borran o enriquecemento na relación cos alumnos, o ensaio de observar con eles a realidade e as súas mediacións cunha ollada radical e crítica. Unha ollada que entre o profesorado da Facultade, quitadas honradísimas e queridas excepcións, non existe, evítase. Hoxe vexo os meus alumnos traballando xornadas interminables por catro pesos. É a función da facultade: formar man de obra moi barata, reproductores do sistema de control.

12. O campo audiovisual nace alleo; practiquemos a súa apropiación social e cultural.
En 1998 preséntolle á Dirección Xeral da CRTVG un proxecto para unha serie de ficción, resultado de experiencias e reflexións verbo do campo audiovisual galego artellado ó redor da TVG. Propoño participar cun producto diferente nese campo que sofre de alleamento orixinario. De aí xorde unha serie de ficción da que son director. Tamén guionista, con Roberto Vidal Bolaño e Francisco X. Fernández Naval. Preténdese, por primeira vez en Galicia, implicar o campo literario na escrita de guións. Un Mundo de Historias é unha serie de continuidade que en cada episodio integra un relato da nosa literatura. Neste momento traballamos na preparación da segunda fase. É unha experiencia nova que me introduce nun mundo creativo diferente ó que eu coñecía. Esta temporal implicación directa no campo audiovisual non quere dicir que eu vaia dedicarme ó cine ou cousa parecida. Xa son parte deste ámbito por ser traballador da TVG. Desde esa condición, a intervención producirase sempre que o querer e o poder se fagan coincidentes.

13. Preparar o asalto ó ceo construíndo, creando, elaborando a rede emerxente de antagonismos. É a operación contra o mando. Comunismo ou barbarie.
O abandono da militancia partidista determínao a crítica radical do instrumento que me parecera adecuado. Algo semellante ocorre no plano sindical; apártome do Comité de empresa e, aínda que continúo como militante, a miña actividade vólvese simbólica e termina por se esvaecer. Algo me di que en parte importante do sindicalismo institucionalizado se abandonou todo afán transformador. Elixiuse os medios de comunicación como campo de batalla de imaxe, deséxase aparencia de instrumento integrado e garantía da pervivencia do sistema. E un acaba por parecerse demasiado á imaxe que desexa dar. O espello non mente tanto como se pensa. Manteño un respecto enorme polos compañeiros con compromiso sincero e sigo a crer no sindicato como instrumento necesario. Pero por riba está o proletariado, o suxeito colectivo distante das burocracias. Aquí non hai desencanto, hai radicalización da conciencia e do desexo. Cómpre pensar a revolución con armas novas, distanciarse das organizacións que combaten a necesidade da subversión. Esa razón, a idea de compartir espacios con compañeiros, amigos, admirados, implícame nas Redes Escarlata, unha asociación de intervención sociocultural en proceso embrionario. Oxalá sirva para organizar potencias antagónicas e transformadoras desta sociedade que ás veces parece morta. Gañar a conciencia para a acción.

14. O futuro só se pode escribir con letras de fume.
Pouca máis biografía pode un ter con 38 anos. Omito outros aspectos do ámbito persoal, ese primeiro espacio de liberdade que xorde da conciencia das necesidades individuais e colectivas. O compromiso fundamental coa persoa que comparte xenerosamente a súa vida comigo. Ese queda no noso ámbito, pero preside a miña poesía ou o que sexa iso que escribo a miúdo e publico de cando en cando.
E o futuro, ese non pode formar parte de ningunha (auto)biografía. Por subxectiva que sexa.



*A foto é de Robert Bass

[Xaneiro de 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega