Xabier P. Docampo

(1946 - 2018)

 

 
Obras
Autobiografía
 
vb2xabierdocampo2.html

     Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.
     Pasando por enriba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudiei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Cha a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.
     Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.
     Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estructura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.
     Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.
     Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.
     Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.
     Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
     Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.
     Polos meus libros déronme algúns premios:

     Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa.
     Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación.
     Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.
     "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995".
     "Honourl List IBBY 1996".
     "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich.
     Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004.
     "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.


     Sobre pouco máis ou menos o que antecede é a miña biografía se esta se reduce a aquelas cousas que se poñen adoito nos curricula que a un lle piden a calquera hora... Iso significa deixar fóra da miña biografía todo canto de verdade fixo de min o que son... por iso quero poñer aquí unha parte pequena do que fica fóra de calquera curriculum e que escribín cando, para o epílogo dun libro, me pediron "Dúas palabras sobre o autor"

Xabier P. Docampo, fíxose escritor porque ten memoria de sí e dos seus. Porque habita a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano. E cando lle preguntan polas súas lembranzas bota a falar e non para...


Os meus primeiros recordos, aquelas lembranzas que se escribiron no meu corazón coma as gozosas cicatrices dun ferro quente, son dun pai muiñeiro, coa pucha enfariñada.
Aquel muíño na beira do Lea que daba voltas mentres meu pai ía baleirando sacos de trigo subido ao alto.
A cociña da casa, co pai contando historias ou a mai contando contos mentres debullaba un cesto de fabas.
Os veciños que viñan escoitar ou contar tamén os seus sucedidos ou xogar á birisca.
O sobrado coa miña cama e, enfronte, o cuarto dos meus pais.
Cando a Maruxa choraba recén nacida e a min semellábame un gato. Cando estiven disposto a entregar a pequena a miña tía Florentina que me dixo se lla daba.
O Tomás e máis eu cargados de pezas de bicicletas traídas do taller do tío Henrique, que eran o máis bonito tesouro que nunca tiveramos até daquela.
Os días da feira de Castro, coas cestas de pan de Mondoñedo. Moletes brancos coma a luz do sol.
Cando os reis me trouxeron un cabalo de cartón tan grande que lle pillei medo e non ousaba achegarme a el.
A escola, pero especialmente o camiño, que era moito máis bonito. O día que naquel camiño me cantou o cuco. Un home díxome que se sentira o canto e non almorzara entón o cuco acababa de me capar. Como eu estaba en xebre doínme o día enteiro de ter perdida a virilidade aos seis anos. Miña mai non aproveitou aquilo para me meter medo e que eu non volvese a fuxir sen tomar o almorzo, senón que me explicou con moi cariñosas e bonitas palabras que era mentira o da capadura do cuco.
O meu curmán Suso, traste con todo e con todos agás comigo, que era só amor e dozura.
A outra casa, a da Feira do Monte, a dos padriños, que tiña un corredor longo.
O padriño zapateiro que me ensinou o oficio e o orgullo das cousas ben feitas e rematadiñas. Tamén me ensinou o uso da retranca coma arma dialéctica.
O turrón, as pasas, os figos e as granadas da Noiteboa.
Cando o Tomás e máis eu calcabamos paxariños dunha enciclopedia e despois de recortalos, inventabamos historias con eles. Ao rematar gardábamolos nunha caixa dos mistos.
A máquina de cine que nos trouxeron os reis ao Tomás e a min en parcería. Películas de papel cebola e entrada a patacón. Ao Xoán Xosé trouxéranlle un tren para el só, pero tiña pouca gracia: non facía máis que dar voltas en círculo até que se lle acababa a corda. Era moito mellor a máquina do cine.
Aos poucos días a Maruxa choraba porque o Tomás e máis eu abríramos en canal a boneca para ver cómo era o artiluxio que a facía chorar cando a abaneaba de atrás para adiante. Meu pai volveuna amañar e vestida non se lle notaba, aínda que o choro ficou algo rouco.
As películas do cine do Jorge, que despois de velas volvíamos a contalas.
Os primeiros tebeos que me lía o Tomás dicindo antes de ler cada globo: "Di este..."
A Marina, que estaba toliña e xogaba con nós á baralla. De cando en vez arreábanos unha labazada que sempre nos pillaba de sorpresa. Dábaas moi fortes e atinaba moi ben, pero a nós dábanos a risa. Só lle obedecía ao Xoán Xosé, aos outros non nos facía caso ningún, e el ía procurala cando fuxía da casa.
Traía pola man.
O Visito, que falaba castelán. Tiña unha filla que era a mellor amiga do Xoán Xosé.
O señor Manuel, o Balsa, que era para nós un berce de cariño e de amabilidade, pero non nos quería diante cando se enfadaba, porque daquela xuraba e botábanos fóra para non nos dar mal exemplo.
As merendas no río do Folín cando a madriña ía lavar a roupa das camas e deixábanos bañar no caneiro.
Ir ao grao de corvo polo medio do centeo. Gardábamolo nun bote de pementos.
A primeira vez que vimos o mar. Entrando na ría da Coruña. Viñemos todo o camiño a correr polo tren adiante, pero os catro ficamos silenciosos ao ver aquilo.

...

[Febreiro, 2004]

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega