vb2xabierpaz.html
Nacín e fun
alfabetizado, en español, na Coruña onde rematei o bacharelato. Inmersión
espontánea no galego na Mariña nos delongados e intensos veráns da
adolescencia. Estudiei en Compostela Ciencias Biolóxicas, participando
activamente no movemento estudiantil. Marx e Castelao supuxeron a primeira
caída do cabalo: o mundo era outro, existía un meu país. Fixen dúas milis,
en Monte de la Reina e logo, castigado en Ceuta. Dende 1975, con algún
intervalo de ausencia, vivo en Vigo. Algúns oficios manuais e academias
conducíronme á bioloxía pesqueira na que traballo dende 1985.
Serodiamente visitei a sombra do meu descoñecido avó
paterno na Habana, do materno deprendera de cativo os recendos do forno.
O amor que imaxinara veu visitarme nunha illa. Segunda
caída do cabalo: existía unha enerxía que podía con todo ordenando a
existencia.
Creo que o mal e os seus danos habítannos a todos e
que unicamente o amor á vida pode salvarnos axudándonos a resistilos. Vivo
convencido de que padecemos unha fisura arredados da realidade e non son quen de
distinguir entre antropoloxía, filosofía, arte ou ciencia; non son quen de non
caer nas trampas do coñecemento.
Teño unha débeda con xente que frecuento e, o mais
grave, con xente que descoñezo, vivos e mortos, e non sei moi ben como saldala.
|