Xaime Quintanilla

(1898 - 1936)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2xquintanilla.html

    Xaime Quintanilla Martínez naceu na Coruña en 1898. Estudou Medicina en Compostela, onde participou en actividades galeguistas integrado na Irmandade da Fala local desde a súa fundación. Tras obter a licenciatura, en 1917 abriu consulta médica en Ferrol, cidade en que residiría até ser asasinado en agosto de 1936 polas forzas sublevadas. Na vila ferrolá xogou un papel determinante na constitución da Irmandade da Fala. Colaborou ademais no semanario Galicia. Boletín Rexionalista, en que publicou o poema "Unha familia" (1918). En A Nosa Terra deu a coñecer o ensaio "O saudosismo e o idealismo" (1921), onde estan presentes as bases teóricas do que posteriormente levaría á práctica nas súas obras de creación. Outro artigo da súa autoría, "O nazonalismo musical galego", viu a luz en 1920 na revista Nós.
    Paralelamente ao seu labor xornalístico, desenvolveu un intenso traballo teatral como director, actor e dramaturgo, levando ás táboas un drama propio: Donosiña. En 1921 publicou a comedia nun acto Alén, primeira obra teatral en que personaxes non galegos se expresan no nosa lingua. Foi director do cadro de declamación do coro popular "Toxos e Froles" e desenvolveu un extensísimo labor cultural desde a práctica totalidade das asociacións locais. En colaboración con Ramón Vilar Ponte editou o Boletín Mensual da Irmandade da Fala do Ferrol e, en 1922, fundou a editorial Céltiga, en cuxo primeiro número vería a luz Saudade, a única novela do noso autor.
    Na ditadura de Primo de Rivera (desfeitas as Irmandades) Quintanilla voltou á actividade militando no PSOE. Colaborador habitual de El Correo Gallego, foi nomeado director da publicación socialista El Obrero en 1935, ano en que foi eleito alcalde ferrolán, o primeiro do período republicano. Desde as filas do PSOE animou a que se aprobase o Estatuto de Autonomía, provocando malestar dentro do partido. Un mes despois da sublevación militar de 1936, Xaime Quintanilla foi fusilado xunto a outros catorce republicanos.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega