mb2xquintanilla.html
Xaime
Quintanilla Martínez naceu na Coruña en 1898. Estudou Medicina
en Compostela, onde participou en actividades galeguistas
integrado na Irmandade da Fala local desde a súa fundación.
Tras obter a licenciatura, en 1917 abriu consulta médica en
Ferrol, cidade en que residiría até ser asasinado en agosto de
1936 polas forzas sublevadas. Na vila ferrolá xogou un papel
determinante na constitución da Irmandade da Fala. Colaborou
ademais no semanario Galicia. Boletín Rexionalista, en
que publicou o poema "Unha familia" (1918). En A
Nosa Terra deu a coñecer o ensaio "O saudosismo e o
idealismo" (1921), onde estan presentes as bases teóricas
do que posteriormente levaría á práctica nas súas obras de
creación. Outro artigo da súa autoría, "O nazonalismo
musical galego", viu a luz en 1920 na revista Nós.
Paralelamente ao seu labor xornalístico,
desenvolveu un intenso traballo teatral como director, actor e
dramaturgo, levando ás táboas un drama propio: Donosiña.
En 1921 publicou a comedia nun acto Alén, primeira obra
teatral en que personaxes non galegos se expresan no nosa lingua.
Foi director do cadro de declamación do coro popular "Toxos
e Froles" e desenvolveu un extensísimo labor cultural desde
a práctica totalidade das asociacións locais. En colaboración
con Ramón Vilar Ponte editou o Boletín Mensual da Irmandade
da Fala do Ferrol e, en 1922, fundou a editorial Céltiga,
en cuxo primeiro número vería a luz Saudade, a única
novela do noso autor.
Na ditadura de Primo de Rivera (desfeitas
as Irmandades) Quintanilla voltou á actividade militando no
PSOE. Colaborador habitual de El Correo Gallego, foi
nomeado director da publicación socialista El Obrero en
1935, ano en que foi eleito alcalde ferrolán, o primeiro do
período republicano. Desde as filas do PSOE animou a que se
aprobase o Estatuto de Autonomía, provocando malestar dentro do
partido. Un mes despois da sublevación militar de 1936, Xaime
Quintanilla foi fusilado xunto a outros catorce republicanos.
|