vb1xaviercarro.html
RETALLOS PARA UNHA AUTOBIOGRAFIA
de Xavier Carro
Quen isto escribe se vé na obriga de aclarar algunha confusión.
Xavier Carro e Paco Carro non son persoas distintas senón son
unha soa, única e verdadeira. Tampouco ten nada que ver con
Franco del Carro, autor hermético que, polos anos sesenta, foi
escribindo a súa obra polas paredes das rúas de Santiago.
Xavier ou Paco Carro nace en
Compostela (1942). Súa nai contaballe que vivía de milagre
porque o deran por morto ó nacer e foi unha monxa mercedaria
quen se empeñou en sacalo adiante e non mandalo ó limbo.
(Terrible problema de asentamento ou ubicación celestial porque
despois foi abolido). Non se sabe se por razón da nacencia foi
pouco comedor, un "pistraca" en palabras do seu avó
xa que só conseguían darlle de comer vendo as láminas do
Espasa. Esta crianza entre libros perdurou ó longo da súa vida.
Podemos afirmar, sen caer en esaxeracións, que os dous espacios
que o marcaron vitalmente foron as bibliotecas e a súa cidade.
Foi coa súa irmá ó colexio das Huerfanas. Alí oíu absorto a
Historia Sagrada que lles contaba Sor Julita ante un Libro de
láminas, formación que completa na cociña da súa casa
escoitando historias de mortos e aparecidos que narraban Maria,
Isolina, Emilia, domésticas e a súa avoa Avelina que ampliaba o
seu repertorio con relatos de buscadores de tesouros e dos tempos
da carlistada. Paquito foi un solitario, un contemplativo que
pasou moitas horas nun inmenso corredor da casa da Rúa Nova,
absorto nas raiolas de sol que alanceaban a millóns de
partículas de po en suspensión.
O mundo todo cabía en Santiago,
espacio iniciático, onde foi aprendendo a xeografía sentimental
da vida. As clases preparatorias para o ingreso no bacharelato
foron no colexio privado de Dona Rosario sito nunha das primeiras
casas rúa do Franco, esquina á Praza de Fonseca. Profesora
formada na Institución Libre e auxiliada polas irmás Varela
Radio, dúas magníficas mestras. A clase dábase nos baixos da
súa casa, nun salón onde se distribuían catro mesas para os
quince alumnos, en rexime de coeducación e xornada única pola
mañá, xa que pola tarde preparaba os alumnos de de primeiro e
segundo de bacheler. Alí recibiu unha formación sólida, para
afontar sen problemas o bacharelato. Os anos escolares viñeron
marcadados polas as exploracións polos sotos e polas torres da
catedral, polas películas dominicais das tres e media e os
partidos interminables de futbol na Residencia e nos agros de
Carreira, así como o ruar cos amigos e as narracións orais
dunha historia vergonzosa e secreta da cidade marcáronlle a
topografía labiríntica dese cigurat sagrado. Fóra, estaba o
extramundi, as aventuras polo bosque da Condesa, a Selva Negra, e
o Pedroso, as batallas a pedradas cos rapaces do Cruceiro do
Galo, e o Pombal, e A Rapa da folla.
As bibliotecas familiares foron un
lugar onde botou horas devorando libros, descubrindo autores e
unha literatura que non figuraba nos Manuais de Lingua e
Literatura do bacharelato. Tamén na súa casa percibe outra
realidade distinta, diferente á da rúa. Seu pai escoita a BBC,
manda apaga-la radio ás dúas e media. Devoción pola figura
paterna que deixa unha fonda pegada en Paco. Home moi sensible,
culto e irónico, cun gran sentido do humor. El ha de ser quen
lle guie as primeiras lecturas e incúlcalle o amor a liberdade
mailo respecto ós demais aínda que pensasen de maneira
diferente á súa. Acompaña ós seus pais a concertos,
exposicións de pintura. Estes primeiros pasos son esenciais na
súa formación, pois Paco lembra moitas veces que a primeira
persoa que lle falou do valor estilístico do adxectivo foi seu
pai e explicáballo con textos de Valle-Inclán e de Juán
Ramón. A súa nai é a sombra doce que vela a súa nenez, a súa
imaxe no cuarto de estar contándolle os seus relembros da
Habana, a súa figura á porta do colexio, ou vixiando os seus
xogos na Alameda con outras madres, mentres o parque era un basto
territorio, infestado de indios no distante oeste.
Comeza a escribir no instituto.
Serán os anos da mocidade os que viran marcados por unhas
circunstancias e vivencias dolorosas que acotaran un novo
espacio: a literatura como creación e paixón lectora serán o
seu hortus conclusus onde se refuxia. A vida vivida desde o
libros e reescrita desde a fabulación doutros mundos. Días
despois da Reválida de sexto, finaba a súa nai, a tristura
entrou como un vento malo na casa. O pai endexamais sairía a
flote. Anos universitarios en Santiago. Completa a súa
formación na librería de Eduardo, embaixador e difusor da
literatura prohibida pola censura. Premio nas Festas Minervais no
1959. Novos amigos Arcadio, Marina, Xesús Mº Ferro, e Jorge
Ricoy. Encontro con Ramón
Piñeiro, un dos homes fundamentais na
súa formación que lle abre as portas da súa casa.
Colaboracións periodísticas en La Noche de Borobó e
publicación de El dolor de la Carne. No segundo curso de comúns
morre o pai. Consello de familia, pechase levantase a casa
paterna e pasan a vivir cos seus avós e o seu padriño Lago
Cizur, persoa providencial que o axudou nos momentos máis
cruciais da súa carreira.
Hecatombe existencial, días de
desnortamento e saudade. Insaciable curiosidade por saber,
espírito aberto ó coñecemento. A análise da realidade
espértalle unha conciencia crítica. O seu compromiso coa
cultura galega é un afianzamento e constatación do que foi
vivindo na súa familia desde a nenez, desde a presencia do seu
tío Xesús ata os seus parentes emigrantes e campesiños da
familia da nai.
Marcha a Madrid onde estudia
Románicas. No Colexio Maior pon en marcha un curso de galego que
inaugura don Ramón Otero
Pedrayo. Asiste ó curso de Hª da
relixións impartido por Montero Díaz. Con Ricoy argalla a
primeira protesta contra a política centralista Galicia pasaba
a depender de Valladolid como polo de desenrolo económico,
desprázanse a Santiago e aproveitan as Festas Minervais que
contaban coa presencia das primeiras autoridades da rexión
Capitán Xeneral e Gobernadores provinciais. Unha asubiada con
chifros enxordou a capela do Hostal. Otero Pedrayo, mantedor das
festas, arremete cunha acendida arenga de palabra afervoada
contra o proxecto. A Capela do Hostal convertese nun clamoroso
estrondo de aprausos que resoan na capela do Hostal por máis de
dez minutos. A prensa non recolleu nada do que pasara na entrega
dos premios. En Madrid é detido en compañía de Xesús Ferro
pola CIA e a Policía española, as dúas da madrugada por comer
chourizo un vernes de coresma. Esta é unha historia que contén
varios puntos de vista.
No ano 1966 gaña o Premio de
Novela corta Salamanca. Vive en Santiago. Tertulias con
Carlos Casares, Fdez. Ferreiro e Luís Mariño. Casa con Ana.
Profesor de galego no curso experimental no Instituto A.
Xelmírez ano 1972. No 1973 publicase As Calexas do Cigurat
(Galaxia), libro maltratado pola censura. Catedrático en A
Estrada, anos felices. Os amigos, o contacto coas xentes e a
comunión coa Natureza fan unha etapa plena na súa vida. A
pesares da enfermidade do seu fillo a súa estancia estradense
está marcada polo enriquecemento interior. Alí volve as
lecturas filosóficas e teolóxicas. Traslado a Alacante por
imperativos de saúde do fillo ano 1979. Cultiva o ensaio e a
critica literaria. Foi profesor no Centro Galego e colabora con
asiduidade na prensa e nas revistas galegas. No ano 1993 a
Editorial Galaxia publica "A obra literaria de Banco
Amor". Desde 1995 Profesor Asociado de Lingua e literatura
Galegas na Universidade de Alacante. Este ano de 1998 foille
outorgado o Pedrón de Honra pola súa dilatada entrega en prol
da Lingua e a cultura Galegas.
Paco pouco cambiou para os amigos.
Liberal e respectuoso, cun sentido fraterno da amizade. Ten unha
visión da vida por onde anda solto o humor e a tolerancia. A
vida púxoo pronto en situacións dolorosas e de todas elas sacou
proveito, iluminacións para se comprender mellor a se mesmo e
ós Outros. Na súa última narrativa aínda inédita operase
un cambio, abandona a súa preocupación formal por unha
temática máis enraizada na condición humana e no psicoloxismo.
Pensa que a intelixencia e o amor irmandadas son a gran
lanzadeira que pode pór en órbita a revolución dunha sociedade
nova cara o novo milenio. Paco non marchou endexamais, leva
dentro do seu corazón o silencio cósmico de Compostela.
|