vb2xavierlama.html
Xavier Lama conta con
obra (narrativa, teatro ou poesia) publicada en doce libros de autoría
individual ou colectiva. Recibiu varios galardóns xornalísticos: Mirador de
la Complutense, Air France para novos periodistas, Premio Galicia
de Xornalismo, L´Oréal, etc. Eran tempos nos que cría con máis
entusiasmo na tebrosa, ambigua e confusa profesión de xornalista. Tamén obras
súas recibiron premios literarios, como o Rafael Dieste e o Camiño
de Santiago-Premio Xacobeo de teatro, ou o Álvaro Cunqueiro de
narrativa, entre outros que abranguen tamén o campo da poesía. Por certo, o
libro de relatos galardoado neste último, Os moradores da nada, é o
texto seu do que se amosa máis satisfeito. Despois de recibir estes premios,
decidiu tomar un período de cinco anos sen presentarse a ningún, quizais para
reflexionar e recuperar con calma vellos proxectos narrativos e dramatúrxicos.
Semella que aínda segue enredado e confuso. Este dictame procede do familiar
que máis o apreza. Imaxínense o que pensan os demáis íntimos ou achegados.
Dúas obras de teatro da súa autoría, O peregrino
errante que cansou ó demo e Memoria de Antígona, representáronse
con maior ou menor fortuna por varias cidades e vilas de Galicia, en Madrid
(Círculo de Belas Artes), Alacante (Mostra de Teatro de Autor Contemporáneo),
ou Portugal (FITEI do Porto). Tamén ten participado con textos seus en obras
colectivas, a última de Talía Teatro (ano 2003). O autor considera que o
teatro é unha fonte inesgotable de dourados disgustos, pero segue aferrado ó
empeño da dramaturxia, unha teima de ilusos na nosa terra, xa que só estrean
cunha mínima normalidade os poucos que compaxinan a escrita co traballo actoral
ou de dirección escénica. Ou sexa, que escribir teatro en Galicia é chorar
(coro: "chorar e chorar"), aínda que ó noso frívolo autor non se
lle viu derramar unha bágoa polo de agora. En vista destes antecedentes,
defínese benevolamente como un inconsciente irrecuperable.
|