Xavier Seoane


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1xavierseoane.html

     Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Estudiou Filoloxía Románica en Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura Galega en A Coruña, onde tamén impartiu, entre outras, Literatura Universal e Técnicas de Expresión Escrita. Desde 1975 vén desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante. Nas décadas dos setenta e oitenta participou nas actividades dos grupos "A Carón" e "Galga". Ten colaborado, entre outras, en publicacións como Teima, Man Común, Grial, Nordés, Agalia, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Luzes de Galiza, Gran Enciclopedia Gallega, El Corrego Gallego, Microfisuras...

     Desde hai anos vén organizando na cidade da Coruña debates, conferencias e tertulias de carácter artístico, literario e cultural, así como participando en cursos literarios, na coordenación de premios literarios e na impartición de obradoiros de poesía e literatura.
     En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro Poesía experimental (1978). O seu primeiro poemario individual foi Os bosques encendidos (1981). Logo editaría A caluga do paxaro (1979), Presencias (1985), Iniciación e regreso (1985) co que recibiu o premio Cidade da Coruña en 1982, O Canto da Terra (1987), Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994), Umbral de Vida (1996), premio Esquío de poesía, Don do horizonte (1999), -que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os volumes A néboa invisíbel e Agra da Brea-, Dársenas do ocaso (2002), 1º premio Caixa Nova de poesía e Premio da Crítica Española, a plaquette Longas augas (2003), Vagar de amor e sombra (2004), Para unha luz ausente, premio Espiral Maior de poesía (2006), Do ventre da cóbrega (2008) e Raíz e soño (2009, Ed. Trifolium).

     En 2010 saíu publicada a edición castelán do seu libro de poemas Dársenas do ocaso, pola autoridade portuaria de A Coruña.

     En colaboración con Manuel Rivas escribiu en dúas noites, e publicou posteriormente o poemario Anisia e outras sombras (1981), unha experiencia de escrita a catro mans. Colaborou nas antoloxías poéticas De Amor e Desamor I (1984) e De Amor e Desamor II (1985), así como no volume e CD de aniversario De amor e desamor (2009, Deputación de A Coruña).

     Editou no seu día un libro de reflexións e aforismos titulado Arca cotidiana / Irispaxaros (1984), ao que seguiría un novo volume de aforismos: Da rocha imantada (2010, Laiovento). O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados As quatro estacións, sobre poemas de Seoane, e o libro de artista Irispaxaros, sobre aforismos do autor.

     Con Manuel Rivas, Antón Baamonde e Lino Braxe, foi fundador e animador da revista e do foro Luzes de Galiza. Ten traballado en proxectos de vídeo: "O pintor Luis Seoane", "Luis Seoane, escritor" e "Arquitectura galega actual". Participou como comisario na organización de exposicións relacionadas co mundo das artes ("Leopoldo Nóvoa", "Mundos", "Figuraciós", "Isaac Díaz Pardo", "O cómic galego", "Luís Seoane e o libro galego na Arxentina", "Urbe, Natura, Cosmos", "Alberto Datas"...) e colaborou con textos sobre arte en catálogos de exposicións e libros colectivos. Coordenou o libro de conferencias A cultura e a criatividade galegas cara o ano 2000, e, ademais de ensaios sobre fotógrafos como Vari Caramés e Vilariño, prologou os volumes A Coruña entre séculos (2000) e Momentos coruñeses (2001).

     En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, "Galicia Emigrante". Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Alvaro Cunqueiro, "A máxia da palavra" (1991), o volume "Luís Seoane e o cine" (1994), "Luís Seoane e o teatro" (1996) e "Luís Seoane: Textos sobre arte" (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega, e, en 1994, Reto ou rendición, análise dos presupostos teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Posteriormente publicou o ensaio A voz dun tempo. Luis Seoane: o criador total (1994), Silverio Rivas (2002, Deputación de Pontevedra), Alberto Datas (2008, Deputación de A Coruña), Manuel Facal (2009, Ed. Dardo). Con Antón Patiño publicou o ensaio-manifesto Hai suficiente infinito (1999).

     Nos últimos anos, dentro dun proxecto de carácter cultural, artístico e humanístico, publicou, sobre o mundo do libro e da lectura, o ensaio Atravesar o espello (2000, Ed. Xerais), que constitúe unha defensa do libro e da lectura; O sol de Homero (2002, Ed. Xerais), que plantexa unha defensa da poesía no mundo contemporáneo, e Saudar a vida (2007, Ed. Xerais), unha aposta polas humanidades, en relación coa ciencia e a tecnoloxía, no marco da sociedade actual. Está no prelo o cuarto volume do proxecto (Ed. Xerais), Todos somos Ulises, unha defensa dunha educación humanista e democrática.
     Na narrativa, editou a novela Ábrelle a porta ao mar (2000, Ed. Espiral Maior), o conto infantil "Historia do can que caeu no tinteiro" (2007, Ed. El País e Editorial Galaxia) e a novela de ámbito infantil-xuvenil Filiberto e Sofonisba (2010, Ed. Tambre-Edelvives).
     Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental en A Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art.
     A súa obra poética -traducida a varios idiomas- foi seleccionada en múltiples antoloxías de poesía galega actual. Entre outras, pódense sinalar: Escolma da poesía galega, 1976-1984 (Sotelo Blanco, 1984), Desde a palabra, doce voces (Sotelo Blanco, 1986), Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria (O Castro, 1988), Poesía Gallega de Hoy (Visor, 1990), Fin de un milenio (Libertarias, 1991), 50 anos de poesía galega (Penta, 1994), Poesía gallega actual (Litoral, 1996), Antologia de poesia galega (Universidade de Campinas, Brasil, 1996), 25 anos de poesía galega: 1975-2000 (Biblioteca Galega 120, 2002), Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram, 2003), Antoloxía poética (1990-2003. Galeuzca) (2003, en galego, vasco e catalán), Poetas galegos do século XX (Espiral Maior, 2004), Poesía suspensa (Espiral Maior, 2008), Poemas coruñeses (Espiral Maior, 2008), Dix-sept poètes galicines (Universidade A Coruña, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizione dell'Orso, 2008), El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana (Espiral Maior, 2009), Breogan's Lighthouse (Ed. Xerais, 2010).

[Xaneiro, 2012]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega