mb3xelaarias.html
Especial
Día das Letras Galegas 2021: Xela Arias
Xela Arias Castaño naceu no ano 1962 en Ortoá (Sarria),
onde pasa os seus primeiros anos até a súa marcha para Vigo,
un espazo que se vai configurar como lugar de referencia vital
para a autora.
Moi nova, a principios da década dos 80, inicia a súa traxectoria
literaria a través da publicación de poemas en numerosas revistas e
xornais, ao tempo que comeza a traballar en Edicións Xerais, tras
abandonar os seus estudos despois de obter o título de Bacharelato.
Alí, desde outubro de 1980 até 1991, vai ir desenvolvendo diversas
tarefas vinculadas ao mundo da edición (revisión e corrección de
textos, creación de coleccións como, por exemplo, Xabarín etc),
para alén do seu labor como tradutora, que a converten nunha das
primeiras editoras profesionais na Galiza. En 1991, retoma os seus
estudos e comeza Filoloxía Hispánica, aínda que seguirá ligada a
Edicións Xerais como tradutora e correctora de estilo.
En 1986 aparece o seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio,
un poemario co que foi finalista do Premio Losada Diéguez e que foi valorado
como rupturista e innovador pola temática e, tamén, desde o punto de vista
editorial (con ilustracións de Xosé Guillermo e certo ar de fanzine).
En 1990 publica, en colaboración co fotógrafo Xulio Gil, Tigres coma cabalos,
obra tamén concibida desde unha vontade de experimentación e ruptura, e que tivo unha ampla
repercusión, onde se presenta un diálogo entre texto poético e fotografía de corpos espidos.
É este un traballo de dobre autoría que desenvolve unha interesante e novidosa proposta de
diálogo interartístico entre poesía e imaxe.
Tras ser nai, a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia en relación
co seu fillo en Darío a diario (1996). Neste libro introduce unha nai inédita,
que acompaña o crecemento do fillo, desde a súa xestación até o primeiro ano de vida, a
diario, o que dá como resultado un poemario orixinal, centrado na relación entre nai e
fillo e no desexo de que creza independente.
Nesta década de 90 introdúcese tamén na escrita narrativa e, así, ven a luz algúns
destes relatos, como "Que si, que si" incluído na obra Contos eróticos/Elas (1990),
ao tempo que continúa publicando poemas en xornais (sobre todo en Faro de Vigo),
revistas (A Nosa Terra, Festa da palabra silenciada ou Luzes, entre outras)
ou en numerosos volumes colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan.
Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997) ou Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003).
Na súa última etapa, a partir de 1999, traballou como profesora en varios institutos,
unha experiencia docente que lle resultará satisfactoria e que compatibilizará até o final
dos seus días co seu intenso traballo como tradutora (verteu ao galego, entre outras, obras
de J. Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter,
Alice Vieira ou Baudelaire) polo que recibiu múltiples recoñecementos (Medalha do Prêmio de
Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio
Plácido Castro). Pertenceu á Asociación de Tradutores Galegos, así como ao consello de
redacción de Viceversa, revista galega de tradución.
En 2003 publica o seu derradeiro poemario, Intempériome,
un libro que demostra a súa absoluta madurez creativa e onde presenta
unha proposta radical desde unha marcada conciencia de xénero.
Pouco despois, o 1 de novembro de 2003, falece en Vigo dun ataque ao corazón.
|