vb1xerardoquintia.html
É
moi posible que Xerardo Quintiá nacese aló polo ano 1970, en
Friol, nunha casa situada á beira do monte Oroso; como asemade,
tamén é de todo posible, que ós dous ou tres anos, os pais de
Xerardo Quintiá emigrasen a Londres; daquela, o neno que era
Xerardo Quintiá, criouse na casa de seus avós maternos, Anxel e
Anuncia: nunha casa de pranta baixa á beira da estrada entre
Friol e Palas de Rei. Todo isto non impediu que aquel neno
seguise véndose case todas as semanas cos seus outros avós,
Dosinda e Pedro; xa que Pedro íao buscar acabalo dunha besta e
levábao para aquela casa que estaba situada a beira do monte
Oroso e, algúns días despois, ía Anxel outra vez e volvíao
levar para aqueloutra casa que estaba a beira da estrada entre
Friol e Palas de Rei.
Tamén é moi posible que axiña
comenzara o neno Xerardo Quintiá a ir a escola e que, aquela
primeira escola, fose unha desas escolas rurais que había nos
pobos; unha escola onde mesturaban os nenos de catro anos cos de
dezaseis e onde había sabañóns e rochos e peollos e varas para
os castigos e carballeiras para xogar. Despois, dous anos despois
daquelas escolas rurais, ó neno Xerardo Quintiá mandárono ó
Centro Escolar de Friol e, dende alí, ó Seminario e, dende o
Seminario, ó Instituto Lucus Augusti. Pero quizabes de todo iso
sería mellor non falar; porque se falasemos de todo iso,
habería que dicir tantas e tantas cousas que isto deixaría de
ser unha biografía-(auto) para convertirse en algo moito máis
pretencioso.
En fin...; se acaso afirmar que
naqueles primeiros tempos da súa adolescencia, foi cando a
Xerardo Quintiá lle deu pola teima da literatura e que comenzou
a escribir como quen comenza a soñar, sen case darse de conta e
sen saber para qué carallo poderían servir todos aqueles folios
que ía enchendo case dun xeito automático, irreflexivo e
anárquico; ata que, ó cabo, chegaron as primeiras
colaboracións para algún suplemento literario e para algunha
revista especializada. E despois, anos despois, foi cando chegou
o primeiro libro publicado, a primeira novela, esa primeira obra
que sempre sabe doce e amarga a un mesmo tempo e que,
posiblemente, Xerardo Quintiá fose a cotemplar no escaparate
daquela librería que había na Praza do Campo, cando xa dentro
da librería non quedaba ninguén que o puidese ver mentres el
vía aquel soño seu feito libro, alí, entre outros libros que
antes tamén foran soños; seguindo aínda sen saber para qué
carallo podería servir todo aquel teimudo traballo de encher
folios e máis folios.
Pero antes de todo iso dicir que
Xerardo Quintiá traballou; primeiro como camareiro, logo como
recepcionista nun bingo, despois como comercial de roupa íntima
de muller; dicir tamén que casou e tivo un fillo, que deixou os
Ducados en caixa dura para pasarse ós Reig Mini sen filtro, que
foi ó cine unha chea de veces, que un día rapou o cabelo e que
aquel día se decatou de que lle medrara unha man na cima da
cabeza; pero vaia, esa historia, a historia da man na cima da
cabeza, é moi posible que se trate dunha historia que non lle
interase a ninguén, así que quizabes sexa convinte, moi
convinte e razoable, porlle o punto e final a esta biografía-(auto) sobre Xerardo Quintiá, así, sen dar moitas
máis explicacións sobre aquel que, posiblemente, nacera en
Friol, aló polo ano 1970, un día 28 do mes de marzo.
* A fotografía é de Damián Varela.
[En
Lugo 12 de Marzo 2002]
|
|