mb2rosalia.html
Ensaísta e polígrafo nado en Vigo en 1928.
Pasou a súa infancia e adolescencia en Ventosela (Ribeira do Miño), a terra dos
seus pais. Por idade e actividade, pertence á xeración de escritores que
comezaron o seu labor intelectual e cultural após a Guerra Civil Española.
Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de
Madrid con Premio Extraordinario, doutórase en 1966 na Universidade de Salamanca
cunha tese sobre Curros Enríquez. Militante do Partido Comunista desde 1962, foi
represaliado en varias ocasións por mor das súas actividades políticas chegando
incluso a ter que ser trasladado no curso 1975-76 ao instituto de Montilla
(Salamanca). Foi Catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de
Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. Actualmente é membro da Real
Academia Galega e do Consello da Cultura Galega así como Catedrático Emérito de
Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
No campo da sociolingüística pode reclamar para si o papel de iniciador dos
estudos sociolingüísticos modernos sobre o galego con obras como : O porvir
da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969)
ou o polémico Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973) onde
retoma as súas teses apocalípticas sobre o galego marcando incluso unha data
para a morte do galego; esta obra será contestada desde diversos sectores.
Ë autor de estudos sobre os máis importantes escritores galegos:
Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004),
Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971),
Leiras Pulpeiro,
Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografia da súa poesía),
Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro) ou
Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane).
Publicou tamén obras sobre outros moitos escritores da nosa terra:
Mendiño,
Neira Vilas,
Lorenzo Varela,
Vicente Risco,
Ramón Cabanillas ou
Álvaro Cunqueiro. Mais tamén son numerosas as súas incursións noutros
ámbitos da literatura galega: a poesía popular, poetas alófonos en galego e,
nomeadamente, a problemática social e cultural do idioma galego. O seu labor de
estudoso non se cinxe unicamente á literatura en galego posto que tamén conta
con estudos sobre autores da literatura española como: Antonio Machado, García
Lorca, Unamuno ou Valle-Inclán. Alén disto, é cualitativa e cuantitativamente
salientábel o seu traballo como colaborador na prensa galega; parte desta tarefa
foi recollida en Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999). Hai
que destacar tamén o seu papel como conferenciante, nomeadamente en España e
América.
Como poeta ten publicado, entre outras: Versos satíricos ó xeito medieval
ou Versos republicanos. Alén das súas obras da autor, tamén realizou
compilacións poéticas de homenaxe a autores das nosas letras: Coroa poética
para
Castelao (1988), Coroa poética para un mártir (1996), Coroa
literaria para
Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e 47 poetas de hoxe
cantan a Curros Enríquez (2001).
Ao longo da súa extensa carreira profesional recibiu
varios galardóns entre os que destacan: o premio Galicia de Xornalismo (anos
1986 e 1990), o premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988) e o premio
Otero Pedrayo (1989).
|