v3xoanbabarroglez.html
Nacín en Calvelo de
Zorelle, no concello de Maceda (Ourense), o 23 de decembro de 1947. Realicei na escola
mixta da
aldea, entre recendos de nabiña e cantos de carros, os estudos primarios e
cursei máis tarde en Ourense o bacharelato e a carreira de Maxisterio. No corpo
de mestres ingresei por oposición en 1968. Quizais tres anos antes desa data
comezaran as miñas relacións coas letras ao descubrir na biblioteca unha serie
de andeis reservados para libros escritos no, ata o daquela, meu ágrafo idioma.
Desenvolvín o labor docente durante tres anos en Asturias, onde tamén me
licenciaría en Filosofía e Letras.
En 1971 trasladeime a Galicia. Aquí os primeiros anos deste destino fóronme especialmente
intensos en ilusións no que respecta á implantación do galego como materia e
mais como idioma vehicular para as Ciencias Sociais (tempos aínda no que
ambas as dúas cousas se contemplaban como utopía). Aquelas experiencias darían
como froito diverso material de carácter didáctico e textos literarios que
verían a luz da imprenta posteriormente.
En 1972 non I Concurso de Monografías da daquela Delegación Provincial de la
Juventud recibo o premio da modalidade "importancia da literatura galega no
momento actual" cun traballo sobre a nova narrativa.
O Premio de contos "O Facho" en 1974 e as
colaboracións en Vagalume en 1975 marcaron dalgún xeito a entrada
oficial na literatura infantil. Por estas datas tamén inicio a miña singradura
vital con Ana Mª Fernández, persoa coa que levo compartido tantos proxectos e
tantas alegrías no mundo das letras entre as que se encontran o Premio "O Facho" de teatro de
1983 e "O Barco de Vapor" de 1985 e 1989.
En 1982
realizo as oposicións a cátedras de Lingua e Literatura Galega para institutos
de ensino medio, circunstancia que me obriga a cambiar de destino docente.
A comezos dos noventa desenvolvo unha investigación sobre a franxa lingüística
máis occidental do Principado que presento en 1994 como tese de doutoramento co
título Galego de Asturias. Delimitación, caracterización e situación
sociolingüística. As vivencias nas terras do Eo-Navia traduciríanse tamén en
diversos escritos destinados ó público infantil.
En decembro de 2002 a Real Academia Galega noméame
académico correspondente e en 2008 a Nova Escola Galega, socio de honra.
En 2009, por Palabra era un universo paralelo,
recibo o galardón do VII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora
Vázquez", da Deputación de Ourense, e, por A Princesa de Taramundi, o
Premio Arume de Poesía, da Fundación Xosé Neira Vilas.
Conto con diferentes traducións nas coleccións "Contos
da Media Luniña" de Algaida, "Cabaliño Alado" de Combel, "Moviñecos" de Bruño,
"Xirasol" de Everest e outras.
[Marzo, 2011]
|