Xos� Agrelo Hermo

(1937 - 2006)

 

 
Obras
Autobiografía
 
vb1xagrelohermo.html

     Seguro que che vai parecer unha "fantasmada" como dicides agora, pero nun par de minutos vouche contar a miña vida. Nacín na freiguesía de Santa Cristina de Barro, arciprestazgo de Postmarcos de Arriba, concello de Noia, provincia da Coruña, o 10 de abril do ano 37, en plena guerra civil —algún día contareiche o que é unha guerra civil... ou mellor, non; xa veremos—. Crieime, bastante ben para os tempos que corrían, na época do estraperlo, da cartilla de racionamento e, sobre todo, do wolfram, ese mineral misterioso que daquela fixo ricos a algúns e destruiu a vida de outros. Aos dez anos marchei —moi a gusto, por certo— para o Seminario de Santiago co obxectivo de ser cura para salvar a miña alma salvando as almas dos demais, ¿valo collendo?. Sónache a carca pero era así, eu non o inventei. Foron anos de fame dura, disciplina ríxida e estudio intenso pero tamén de inesquecíbeis amizades e momentos de felicidade elemental. Aos vinteún anos, e xa a punto de crerme sacerdote, deime conta de que equivocara o obxectivo, de que Deus escrebe dereito con liñas tortas, de que unha retirada a tempo é unha victoria, etc, etc. Total, que vendín (sic) a sotana e marchei a Madrid. O choque entre a vida recoleta e silenciosa de San Martiño Pinario e o barullo abafante da inmensa urbe foi demasiado. Traballei de mozo de carga, de tenedor de libros, de vendedor a domicilio, de profesor particular (de latín e grego clásico, naturalmente) e mesmo de montador ascensorista (¿). Toda unha ringleira de desilusións e unha procesión de fracasos. E unha vez endurecido polo traballo físico e a autodisciclina, e xa feita a "mili" —porque daquela o exército encargábase de facernos homes e non coma agora que vos tendes que facer sós— voltei á miña Noia natal para pór un pouco de orde na miña vida e durmir outra vez na casa materna na que o sono tórnase alimento. Fíxenme mestre de escola, atopando así a miña verdadeira vocación, quen o diría; casei e tiven dous fillos. Traballei en Boiro, Outes e Muros, onde sigo a dar clases a nenas e nenos, agora maiorciños, ata o ano 2003 no que penso xubilarme e deixar paso a mentes máis claras e corpos menos cansos.
     Entrementres, escribín algúns libros de contos, de historia, e sobre todo, de teatro que é o que máis me gusta e mellor sei facer. Algún día os libros falaranche de Candea e de Noite de Lobos e ti estarás orgulloso de teu avó. Anda, agora durme que mañá será outro día.

[Marzo, 2002]
 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega