Xos� Carlos Caneiro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xccaneiro.html

     Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963). Licenciado en Xeografía e Historia. Diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica (Especialista en lingua galega, lingua francesa, lingua castelá, ciencias sociais). Coordinador do Centro Público de Educación Permanente de Adultos RADIO ECCA en Verín. Comezou a publicar libros, concretamente poesía, no ano 1984 (O esculpido sorriso dos teus beizos). No seu decorrer conta con algún premio: o Celso Emilio Ferreiro, o Cidade de Ourense, o Xohán Carballeira, o Rosalía de Castro de poesía (polos libros Da túa ausencia -1991-, Estación Sur -1994-, A Valga do triste amor -1997-, e polo conxunto de poemas No tempo das cereixas); o Premio Xerais de novela (por O infortunio da soidade -1992-); o Breogán (Polo relato "Bette Davis, por favor", incluído en Loias, lucérnulas e outras historias no fío de Monterrei, -1995-), o Ourense de contos (por "O caso de Horacio Solveira", incluído en Historias no fío de Monterrei -1988-), o Premio Castelao de Narrativa 1996 (por "Trinta e sete días sen verte, Laura" incluído no volume colectivo Unha liña no ceo, 58 narradores galegos -1996-), o Monte da Condesa de relatos 1996 (por "Zapatos de cristal, blues", editado en 1997 pola Universidade de Santiago), o Torrente Ballester de narrativa 1996 (por Un xogo de apócrifos -1997-, tamén Premio Nacional da Crítica 1998 e nominada entre os finalistas do premio Nacional de Narrativa 1998, a novela foi contratada por ESPASA CALPE e editada en castelán no mes de marzo de 2000 na colección ESPASA NARRATIVA, coa traducción de Rodríguez Baixeras). Recentemente (18-6-1999) foi o ganador da XI EDICIÓN do Premio de novela García Barros coa novela Talvez melancolía, publicada en novembro de 1999. No mes de outubro de 1999 mereceu o premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. En xaneiro do 2000 foi premiado no Certame de novela breve "Lueiro Rey". En marzo de 2000 obtivo o I Premio «Risco» de literatura fantástica coa novela A rosa de Borges, publicada en maio deste mesmo ano. En maio de 2000 recibiu o Manuel Murguía de relatos con As flores en Irlanda. Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa e Premio Blanco Amor por Ébora en setembro de 2000, novela que publicará Xerais en decembro.
     Ten recibido, asimesmo, bolsas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia nos apartados de poesía, ano 1990; Novela, ano 1992; Narrativa curta, ano 1994. No 1996 foi o único narrador galego que recibiu unha bolsa do Ministerio de Cultura para a Creación Literaria, pola novela Os séculos da lúa. Ten colaborado tamén na redacción de estudios sobre lingua e literatura, libros como Antoloxía da Literatura Galega ou Letras Galegas ou Unha semana e media de teatro figuran nesa faceta da súa producción. Como traductor verteu ao idioma galego as obras teatrais O auténtico Oeste, de Sam Shepard, Dani e Roberta, de John Shanley, Parella aberta, de Darío Fo, O contrabaixo, de Patrick Suskind. Coordinou o libro Contos e lendas do val de Monterrei (a publicar proximamente). Ademais destas obras editou no 1991 O buscador de nada —unha compilación de ensaios e artigos xornalísticos— e en xaneiro do 2000 o relato A nave..., un texto que pretende resaltar a beleza da vila ourensá de Allariz. Ten aparecido en varios libros colectivos e escolmas de poesía ou narrativa, así como en diversas revistas. En decembro de 1997 publicou unha antoloxía de relatos titulada Estado permanente de fracaso.
     No mes de abril de 1999 saíu do prelo o poemario Aínda soñas con piratas? E a novela Os séculos da lúa está dende inicios de xuño de 1999 nas librerías.
     Participa dende hai tempo en seminarios sobre o idioma galego e a súa literatura, como membro e coordinador dos mesmos. Colaborador habitual de numerosas publicacións dende o ano 1981 (actualmente é colaborador habitual do diario «La Voz de Galicia» e ten colaborado con TEMPOS NOVOS, EL PAIS, DIARIO 16, PENÍNSULA, FARO DE VIGO, EL MUNDO...). Coordinador da revista A RECCAMARA. Coautor do libro A memoria de Ourense (1999). Ten impartido numerosos cursos de lingua e literatura, conferencias, ponencias en encontros e congresos e, tamén, múltiples recitais de poesía acompañado por diversos grupos musicais.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega