vb2xccaneiro.html
Xosé
Carlos Caneiro (Verín, 1963). Licenciado en Xeografía e
Historia. Diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica
(Especialista en lingua galega, lingua francesa, lingua castelá,
ciencias sociais). Coordinador do Centro Público de Educación
Permanente de Adultos RADIO ECCA en Verín. Comezou a publicar
libros, concretamente poesía, no ano 1984 (O esculpido
sorriso dos teus beizos). No seu decorrer conta con algún
premio: o Celso Emilio Ferreiro, o Cidade
de Ourense, o Xohán Carballeira, o Rosalía
de Castro de poesía (polos libros Da túa ausencia
-1991-, Estación Sur -1994-, A Valga do triste amor
-1997-, e polo conxunto de poemas No tempo das cereixas);
o Premio Xerais de novela (por O infortunio
da soidade -1992-); o Breogán (Polo relato
"Bette Davis, por favor", incluído en Loias,
lucérnulas e outras historias no fío de Monterrei,
-1995-), o Ourense de contos (por "O caso
de Horacio Solveira", incluído en Historias no fío de
Monterrei -1988-), o Premio Castelao de Narrativa
1996 (por "Trinta e sete días sen verte,
Laura" incluído no volume colectivo Unha liña no ceo,
58 narradores galegos -1996-), o Monte da Condesa de
relatos 1996 (por "Zapatos de cristal, blues",
editado en 1997 pola Universidade de Santiago), o Torrente
Ballester de narrativa 1996 (por Un xogo de
apócrifos -1997-, tamén Premio Nacional da
Crítica 1998 e nominada entre os finalistas do
premio Nacional de Narrativa 1998, a novela foi
contratada por ESPASA CALPE e editada en castelán no mes de
marzo de 2000 na colección ESPASA NARRATIVA, coa traducción de
Rodríguez Baixeras). Recentemente (18-6-1999) foi o ganador da
XI EDICIÓN do Premio de novela García Barros
coa novela Talvez melancolía, publicada en novembro de
1999. No mes de outubro de 1999 mereceu o premio de xornalismo Xosé
Aurelio Carracedo. En xaneiro do 2000 foi premiado no Certame
de novela breve "Lueiro Rey". En marzo de 2000
obtivo o I Premio «Risco» de literatura fantástica
coa novela A rosa de Borges, publicada en maio deste
mesmo ano. En maio de 2000 recibiu o Manuel Murguía de
relatos con As flores en Irlanda. Premio
Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa e Premio
Blanco Amor por Ébora en setembro de 2000,
novela que publicará Xerais en decembro.
Ten recibido, asimesmo, bolsas da
Consellería de Cultura da Xunta de Galicia nos apartados de
poesía, ano 1990; Novela, ano 1992; Narrativa curta, ano 1994.
No 1996 foi o único narrador galego que recibiu unha bolsa do
Ministerio de Cultura para a Creación Literaria, pola novela Os
séculos da lúa. Ten colaborado tamén na redacción de
estudios sobre lingua e literatura, libros como Antoloxía da
Literatura Galega ou Letras Galegas ou Unha
semana e media de teatro figuran nesa faceta da súa
producción. Como traductor verteu ao idioma galego as obras
teatrais O auténtico Oeste, de Sam Shepard, Dani e
Roberta, de John Shanley, Parella aberta, de Darío
Fo, O contrabaixo, de Patrick Suskind. Coordinou o libro
Contos e lendas do val de Monterrei (a publicar
proximamente). Ademais destas obras editou no 1991 O buscador
de nada unha compilación de ensaios e artigos
xornalísticos e en xaneiro do 2000 o relato A nave...,
un texto que pretende resaltar a beleza da vila ourensá de
Allariz. Ten aparecido en varios libros colectivos e escolmas de
poesía ou narrativa, así como en diversas revistas. En decembro
de 1997 publicou unha antoloxía de relatos titulada Estado
permanente de fracaso.
No mes de abril de 1999 saíu do
prelo o poemario Aínda soñas con piratas? E a novela Os
séculos da lúa está dende inicios de xuño de 1999 nas
librerías.
Participa dende hai tempo en
seminarios sobre o idioma galego e a súa literatura, como membro
e coordinador dos mesmos. Colaborador habitual de numerosas
publicacións dende o ano 1981 (actualmente é colaborador
habitual do diario «La Voz de Galicia» e ten
colaborado con TEMPOS NOVOS, EL PAIS, DIARIO 16, PENÍNSULA, FARO
DE VIGO, EL MUNDO...). Coordinador da revista A RECCAMARA.
Coautor do libro A memoria de Ourense (1999). Ten
impartido numerosos cursos de lingua e literatura, conferencias,
ponencias en encontros e congresos e, tamén, múltiples recitais
de poesía acompañado por diversos grupos musicais.
|