m1xosecornide.html
O
ilustre polígrafo Xosé Andrés Cornide e Saavedra viu a luz na
cidade da Coruña no ano 1734. Seguiu estudos de Humanidades en
Compostela, chegando a dominar, ademais das linguas clásicas,
francés, inglés e italiano. Tense noticia de que comezara a
cursar Dereito, mais, sentíndose interesado en maior medida pola
historia, acabaría por abandonar as leis. A súa traxectoria no
campo da investigación histórica e económico-política
constituirá unha das mellores fontes para nos achegar á Galiza
do século XVIII. Con vinte anos Cornide xa presentara na
Academia da Historia como discurso de ingreso unha Disertación
geográfica histórica sobre cuál hubiese sido el antiguo
asiento de la ciudad Límica o Lémica, señalada por patria de
Dacio en el prólogo de su Cronicón. Ao longo da súa vida
exercería diferentes cargos no seo da Academia, sendo o último
o de secretario perpetuo.
Dos seus traballos científicos
podemos destacar o Mapa corográfico de la antigua Galicia,
publicado dous anos máis tarde. A súa enorme contribución ao
coñecemento histórico do país galego ficaría plasmada en
numerosos e meticulosos informes, proxectos e monografías sobre
agricultura, minaría, pesca, educación, xeografía e historia
natural.
Desde os postos de rexidor bienal
(1763), capitán da Milicia Urbana (1764), primeiro vocal da
Junta Nacional de Caminos (1782) e comisario do Consulado (1785),
Cornide relacionouse coa esfera política coruñesa. Mais tamén
estivo presente na vida pública compostelá como rexidor
perpetuo (1766) e representante de Santiago nas Juntas del Reino
en 1769 e 1781. Aliás, o intelectual herculino foi desde 1775 un
dos directivos do Monte Pío de Galicia. Posteriormente
o coruñés, economista e historiador de renome, participou en
1765 na fundación na súa vila natal da Academia de Agricultura
de Galicia. Anos máis tarde, interveu tamén no nacemento da
Sociedade Económica de Santiago e, no ano seguinte, na creación
da Sociedade en Lugo.
No ámbito lingüístico-literario,
Cornide legounos, para alén de valiosas pesquisas
lexicolóxicas, o soneto titulado "A Filida"
considerado como unha das pezas máximas da nosa literatura pola
súa mestría formal e sensibilidade. Non obstante, o coruñés,
que cultivou o xénero poético en galego e español, nunca
dedicou especial atención á divulgación da súa creación
literaria.
Cornide faleceu en Madrid no
ano1803 deixando inédita a prática totalidade da súa obra, en
parte perdida.
|