Xos� Cornide

(1734 - 1803)

 

 
Obras
Biografía
 
m1xosecornide.html

     O ilustre polígrafo Xosé Andrés Cornide e Saavedra viu a luz na cidade da Coruña no ano 1734. Seguiu estudos de Humanidades en Compostela, chegando a dominar, ademais das linguas clásicas, francés, inglés e italiano. Tense noticia de que comezara a cursar Dereito, mais, sentíndose interesado en maior medida pola historia, acabaría por abandonar as leis. A súa traxectoria no campo da investigación histórica e económico-política constituirá unha das mellores fontes para nos achegar á Galiza do século XVIII. Con vinte anos Cornide xa presentara na Academia da Historia como discurso de ingreso unha Disertación geográfica histórica sobre cuál hubiese sido el antiguo asiento de la ciudad Límica o Lémica, señalada por patria de Dacio en el prólogo de su Cronicón. Ao longo da súa vida exercería diferentes cargos no seo da Academia, sendo o último o de secretario perpetuo.
     Dos seus traballos científicos podemos destacar o Mapa corográfico de la antigua Galicia, publicado dous anos máis tarde. A súa enorme contribución ao coñecemento histórico do país galego ficaría plasmada en numerosos e meticulosos informes, proxectos e monografías sobre agricultura, minaría, pesca, educación, xeografía e historia natural.
     Desde os postos de rexidor bienal (1763), capitán da Milicia Urbana (1764), primeiro vocal da Junta Nacional de Caminos (1782) e comisario do Consulado (1785), Cornide relacionouse coa esfera política coruñesa. Mais tamén estivo presente na vida pública compostelá como rexidor perpetuo (1766) e representante de Santiago nas Juntas del Reino en 1769 e 1781. Aliás, o intelectual herculino foi desde 1775 un dos directivos do Monte Pío de Galicia. Posteriormente o coruñés, economista e historiador de renome, participou en 1765 na fundación na súa vila natal da Academia de Agricultura de Galicia. Anos máis tarde, interveu tamén no nacemento da Sociedade Económica de Santiago e, no ano seguinte, na creación da Sociedade en Lugo.
     No ámbito lingüístico-literario, Cornide legounos, para alén de valiosas pesquisas lexicolóxicas, o soneto titulado "A Filida" considerado como unha das pezas máximas da nosa literatura pola súa mestría formal e sensibilidade. Non obstante, o coruñés, que cultivou o xénero poético en galego e español, nunca dedicou especial atención á divulgación da súa creación literaria.
     Cornide faleceu en Madrid no ano1803 deixando inédita a prática totalidade da súa obra, en parte perdida.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega