vb1xlripalda.html
Nacín na pequena freguesía de
Erbedeiro, concello de Carballedo provincia de Lugo o 31 de
xaneiro de 1940, aldea situada nas abas dunha montaña na que as
viñas chegan ata a beira do río Miño. Erbedeiro é unha terra
onde a primavera síntese dunha maneira especial, xa que o campo
arrecende coas flores dos sabugueiros, xestas e toxais. Unha
terra con prados sempre frescos e vizosos pola abundante auga que
deitan os manantiais.
Eiquí pasei a miña neneza e
durante estes anos graváronse no meu maxín as inquedanzas da
xente que están un pouco a cabalo das provincias de Lugo e
Ourense. Esta encrucillada, mistura: lendas, historias e
tradicións. Escarabellando neste caudal da narración escribín
e publiquei unha escolma de relatos pola miña conta.
Un fachico de contos, Contos
para engaiolar e Contos da baiuca.
A estes libros debo de engadir
Memorias dun esquelete de aldea, que permaneceu ata de
agora inédito e que complementa os temas dos outros libros por
aparecer de novo vivencias relacionadas co agro, como poden ser:
a Santa Compaña, o lobishome, a febre do Wolfran, o estraperlo,
os fuxidos, entre outros moitos temas.
Teño estudios de Maxisterio,
cursados en Pontevedra, onde acadei tamén as oposicións que me
permitiron exercer o ensino por aldeas do rural tanto de Galicia
como de Asturias. Esto contribuíu a seguir enriquecéndome con
aquel caudal da miña infancia.
Despois, puiden contrastar a
diferencia de vida das xentes do interior coas da costa ó ser
destinado a estos lugares, como o concello de Nigrán e Baiona,
para rematar no colexio Celso Emilio Ferreiro en Vigo a miña
tarefa de mestre despois de cuarenta anos de servicios.
Durante esta derradeira etapa
seguín a escribir novos libros, As bolboretas brancas,
que acadou un dos premios Barco de Vapor, concretamente na súa
quinta convocatoria, e tamén escribín As botas de Zapeto. Debo
dicir que o ir de estos anos dirixín traballos escolares de
etnografía sobre temas tan variados como os dedicados a fontes,
árbores, medecina popular, hórreor, entre outros, acadando
premios do Museo de Pontevedra.
Teño outros traballos
etnográficos inéditos, A cultura do pan e As rodas
de pedra e a súa literatura popular, polos que se teñen
interesado algúns editoriais pero que ata agora non entraron no
prelo.
Debo dicir que co gallo do
"Día das Letras Galegas" percorrín colexios onde me
solicitaron para dar conferencias ós rapaces e rapazas sobre o
homenaxeado correspondente.
Quixera salientar que en todos os
meus traballos sempre foi algo moi primordial para min recuperar
o vocabulario da nosa lingua, na miña opinión moi maltratado
actualmente.
E xa como final, agradezo á
Universidade da Coruña a súa xentileza por crearme a miña
propia páxina web, onde darei a coñecer a devandita obra Memorias
dun esquelete de aldea e tamén Erbedeiro, vida e
esmorecer dunha aldea, que reflexa con mágoa algo que lle
está ocurrindo a moitas das nosas aldeas: a desaparición.
E sen máis abeizón a todos os que
dunha maneira ou de outra fan posible que perdure eternas
primaveras esta lingua dun pobo nobre, eterno e agarimoso:
GALICIA.
|