mb4cabadavazquez.html
Xosé Manuel Cabada
Vázquez naceu en 1901 en Barro, parroquia de Codeseda (A Estrada). Con dezasete
anos foi admitido no Seminario-Universidade Pontificia de Santiago de Compostela
onde realizaría estudos eclesiásticos e de Maxisterio.
En 1923 asistiu na Coruña á V Asemblea das Irmandades
da Fala; nesa altura xa escribía os seus primeiros poemas en galego. Tres anos
despois Cabada Vázquez ingresaba como socio no Seminario de Estudios Galegos e
colaboraba en revistas e xornais da época: Faro de Vigo, El Emigrado,
El Pueblo Gallego, Céltiga ou Vida Gallega.
Á volta de 1930 concluíu os seus estudos; desde
entón, alternaría o seu labor de docente en varios centros de ensino coa
participación activa nos movementos galeguistas da época. Así foi nomeado
vocal da Agrupación Nazonalista de Santiago e asistiu a asemblea fundacional do
Partido Galeguista en Pontevedra. Da súa faceta literaría deixou publicado un
único libro de poemas Vagalumes (1931) e a traducción para o galego do Catecismo
do Padre Astete.
O poeta estradense morreu en Linares (Xaén) en 1936,
os seus restos non foron transladados a Codeseda até 1962. A súa obra foi
reeditada postumamente en 1969 e o concello da Estrada declarou o ano 2001
"Ano Cultural Cabada Vázquez".
|