|
vb2pepecaccamo2.html
Nacín en Vigo o 6 de xullo de 1950. O barrio de As Travesas e as praias
de Coruxo son os espazos da miña nenez. Santiago de Compostela, onde
fixen estudos de Filoloxía Románica, constitúe o referente crucial da
miña mocidade. Desde o ano 1973 exercín a docencia como profesor de
Literatura en Institutos de Santiago, Ourense e Vigo, labor que abandonei, por
xubilación voluntaria, en 2010. Desde 1990 vivo na aldea de Vilar (Vilaboa), fronte á illa de San Simón.
Ademais de poesía, teño publicado relatos
breves e fixen algunha incursión no xénero teatral. A miña adicación
aos estudos literarios céntrase na poesía galega da segunda metade do
século XX. Ultimamente descubrín o esixente placer da literatura para
crianzas e o territorio complementario da poesía visual e obxectual.
Obtiven os premios "Esquío",
"González Garcés", "Arume de Poesía para Nenos", os
da Crítica de Galiza e de España, o da Asociación de Escritores en Lingua Galega
e o da Irmandade do Libro.
Formei parte do consello editorial das
coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero
Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos
"Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e
"Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996). Entre os anos
1984 e 2002 integrei a equipa directiva da Asociación de Escritores en
Lingua Galega. Coordenei as revistas da A.E.L.G. "Nó" e
"Contemporánea". Fun membro do consello de redacción da
revista "Grial" entre os anos 2003 e 2010.
|
|
|
|