mb3crecentevega.html
Xosé Ramón Crecente
Vega naceu en Santa María de Outeiro (Castro de Rei, Lugo) en 1896. Fillo de
labregos e segundo de seis irmáns, aprendeu as primeiras letras na súa
parroquia natal e á beira do Miño transcorreu a súa infancia. Con catorce
anos transladouse a Mondoñedo para comezar os seus estudos no vello Seminario
Conciliar de Santa Catarina e alí interesouse pola lingua de Cicerón, da man
do latinista Xosé María Chao García. Logo de estudar Latín, Filosofía e
Teoloxía no Seminario, en 1920 foi nomeado coadxutor de Santa Rita de Xuvia e
San Xiao de Narón e tres anos despois tomou posesión como párroco desta
última vila. Durante a súa estadía en Narón,
Crecente Vega fixo o Bacharelato e licenciouse en Filosofía e Letras na
Universidade de Santiago. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid, onde marchara
para continuar os seus estudos e facer as oposicións á Catedra de Latín. Xa
rematada a Guerra, foi nomeado profesor do Instituto Ramiro de Maeztu da capital
española e en 1941 conseguiu, mediante oposición, unha bolsa no Instituto
Antonio de Nebrija, tendo a obriga de facer unha edición comentada das Elexías
de Tibulo.
Exerceu como Catedrático de Latín no Instituto de
Antequera (Málaga) e posteriormente nun centro de ensino secundario de Segovia,
do que sería nomeado director, cargo que desempeñou até a súa
morte en 1948.
Cumprindo o desexo do escritor de xacer na súa terra,
en 1998 os seus restos foron transladados ao cemiterio parroquial de Santa
María de Outeiro.
O único poemario galego da súa autoría, Codeseira,
saiu da imprensa en 1933. A segunda edición do volume, cun
prólogo de Xosé Trapero Pardo, demoraría trinta e dous anos en publicarse. A
obra sería reeditada polo Seminario de Mondoñedo na revista Amencer no
ano 1996, coincidindo co centenario do nacemento do poeta. Un ano despois, a
Fundación Caixa Galicia publicou José Crecente Vega, a poesía de "Codeseira",
edición crítica e estudo feitos por Ricardo Polín e Luz María Durán,
traballo gañador do XI Premio Anxel Fole.
|