vb1freixeiromato.html
Xosé
Ramón Freixeiro Mato naceu nunha pequena aldea chamada Vilanova
pertencente á freguesía de Cances, no concello bergantiñán de
Carballo (A Coruña), no ano 1951. Despois dunha infancia como
neno labrego, pasou por un internado de relixiosos en Allariz e
Cambados, examinándose por libre nun Instituto da Coruña para
obter o título de Bacharelato Superior. A seguir, estudou
Maxisterio nesta mesma cidade e nela traballou como profesor de
EXB nun colexio privado durante sete anos.
Licenciado posteriormente en
Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela,
conseguiu unha praza de profesor agregado de Lingua e Literatura
españolas que lle permitiu acceder á docencia pública nos
Institutos coruñeses da Agra do Orzán e Eusebio da Guarda, onde
impartiu tamén as materias de Lingua e Literatura galegas, e no
Instituto de Arteixo. Por eses anos terminou a licenciatura na
subsección de Galego-Portugués na universidade compostelá e
gañou unha praza de catedrático de Lingua e Literatura galegas
no Ensino Medio, que desempeñou no Instituto da Agra do Orzán e
no INGABAD da Coruña.
Despois de obter o doutoramento na
Universidade da Coruña no ano 1992 cunha tese sobre Noriega
Varela e a edición crítica da súa obra completa, accedeu no
ano seguinte a unha praza docente nesa mesma institución, onde
na actualidade é Profesor Titular da área de Filoloxía
Galego-Portuguesa na Faculdade de Filoloxía.
|