Xos� de Cora


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xosedecora.html

     Nacín en Lugo. ¿Que máis se pode pedir? Non é unha cidade grande nin pequena. Tanto ten de urbe como de campo. Daquela non había semáforos, pero andando o tempo non quedou máis remedio que poñelos, aínda que tampouco acrescentou tanto o parque automovilístico como para non poder atravesar as rúas por onde mellor ven. Esta é unha circunstancia moi importante, xa que sempre fun peón e manteño a ilusión de selo sempre.
     Despois de nacer deume por medrar, unha actitude da que estou profundamente arrepentido porque a partires dese intre comezaron os problemas. O primeiro foi saír da protección familiar. Recordo o mundo de fóra cheo de ameazas e perigos, ¡e iso que era Lugo! Logo de ver o panorama, decidín que o meu era o xornalismo. Non fun nada orixinal na decisión posto que o meu abó, un tío e o meu pai tamén foran xornalistas.
     Coma daquela nin había facultade, nin outros estudios en Galicia, marchei a Madrid e alí quedei dez anos. Como tampouco había paro, dende a miña chegada traballei na axencia Efe, ou máis concretamente, en Cifra, que era a sección nacional. Corrían os anos setenta e alí pasou de todo: asambleas nas igrexas, folgas, asasinato de Carrero Blanco, condeados a morte, atentados, morte de Franco, El-Rei, chegada dos partidos, eleccións, Suárez... cada día deses dez anos foi unha experiencia nova que compaxinaba polas tardes con traballos e colaboracións en xornais e revistas. Non sei como facía, pero o día daba para todo e máis.
     Cando rematou ese tempo e Suárez semellaba un líder sólido, voltei a Lugo, xa casado, cun fillo e dous libros. A árbore foi cousa de prantala en Galicia. Curiosamente, esas 24 horas que en Madrid daban para ter ó mesmo tempo cuatro traballos, en Lugo deron aínda para máis e comecei a publicar libros, colaboracións na radio, facer debuxos, ter cinco fillos e dirixir El Progreso.
     Chegou a informática e o día foi perdendo horas como follas de outono. Non digo que a culpa sexa dela, senón que coincidiron no tempo ámbalas dúas circunstancias.
     Logo veu a televisión e o tempo duraba o que dura un telexornal, de xeito que tomei medidas para que o reloxio camiñase máis a modiño. ¿Como? Pois non mirando para él.
     E así seguimos.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega