mb2anxelfole.html
Ánxel
Fole naceu en Lugo en 1903. A súa infancia transcorreu en
estreito contacto coa nosa lingua, a escoitar historias ao pé da
lareira: na casa señorial da familia en Campo de Castelo; máis
tarde en Fingoi e, desde 1910, na cidade de Lugo. Foi na capital
lucense onde Fole descubriu a literatura e a música. Na ampla
biblioteca do seu pai coñeceu a obra dos autores do Renacemento,
de Cabanillas,
Manuel
Antonio, Luís
Pimentel... En 1912 comezou
a estudar cos Irmáns Maristas; posteriormente pasou seis anos
no Seminario Diocesano e, finalmente, concluíu o Bacharelato no
Instituto de Lugo aos vintetrés anos.
Despois de prestar o servicio militar
en Zamora, entre os anos 1927 e 1933 realizou estudos de Dereito
e Filosofía e Letras nas universidades de Valladolid, Madrid e
Compostela, sempre máis preocupado pola lectura que pola
formación académica. Na universidade galega ingresou na
Federación Universitaria Escolar. Mais a guerra obrigouno a
interromper os estudos.
A pesar de que habitualmente se
fala de Fole como dun autor de publicación serodia, xa dera a
coñecer algún artigo literario e algunhas composicións
poéticas en revistas e xornais durante os seus anos
universitarios. Desde 1930, ademais, promoveu e dirixiu diversas
publicacións e colaborou en diferentes xornais galegos. Ao
tempo, participaba na vida política, primeiro en círculos
republicanos e, desde 1935, militando no Partido Galeguista.
O caos que trouxo a guerra obrigou
a Fole a vivir agachado durante certo tempo; perdeu o traballo e
ficou sen recursos económicos. Sobreviviu impartindo aulas
particulares até 1941, ano en que foi contratado como preceptor
en Quiroga, onde seguiu colaborando con publicacións galegas e
españolas. Aquí recuperou o contacto co mundo rural e a
literatura oral, da que tirará argumentos e técnicas. A pesar
do seu afastamento xeográfico, participou na fundación da
editorial Galaxia, en que publicou a súa obra narrativa dos anos
50: Á lús do candil. Contos a carón do lume (1953) e
mais Terra brava. Contos da solaina (1955). O seu único
texto dramático, Pauto do demo (1954), viu a luz na
editorial Citania de Bos Aires.
En 1957 volveu instalarse en Lugo,
onde recuperou a súa actividade xornalística, que foi moi
intensa nas décadas seguintes. Parte desta actividade foi
recompilada, en 1981, baixo o título Historias que ninguén
cre. Na produción narrativa desta nova etapa urbana,
constituída por ¿E decímolo ou non-o decimos? (1972)
e Contos da néboa (1973), Fole abandonou a temática
rural, aínda que mantivo a mesma linguaxe e técnicas narrativas
dos anos cincuenta.
Ingresou como membro numerario da
Real Academia en 1963 e está considerado como un dos nosos
clásicos desde a súa morte, acontecida en 1986.
|