Ánxela Gracián


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2anxelagracian.html

     «Se debo falar de min, do que quero, digo que quixera ter o enxeño da araña para tecer e cuspir ao mesmo tempo», escribiu a poeta americana Adriane Rich.
     Daquela, debo falar de min, da miña afección a tecer e cuspir historias con palabras.
     —Escribir?

    
—Si, iso. Cóntalles como empezaches.
     Lembro unha nena que aínda non sabía ler e xa emborranchaba follas coas letras dun alfabeto inventado, un glíglico cun único descodificador, eu mesma e a miña necesidade de contar.
     A miña avoa Anuncia cantábame fermosos e tristísimos romances de cego, de amores imposibles coma o de Elena e aquel tunante, ou personaxes románticos que vivían á marxe da lei coma o do bandoleiro Diego Montes ou dramas de guerra coma o de García e Galán.
     O meu avó Guillerme non lía nin escribía ben pero debuxaba labirintos co cicel na pedra de granito e levantaba casas que aínda hoxe testemuñan a súa arte de canteiro. El contábame as historias dos que vivían naquelas casas de pedra, Don Merexildo, O Pincha lobos, Tía Ambrosia, O Meda Marela, O Guincho, Tía Lucinda, se cadra non eran políticamente correctas pero non tiña importancia, porque era quen de me pintar un mundo ao que eu poñía voces, corpos, caras.
     Sen dúbida creo que eses foron os meus primeiros contos en follas emborranchadas coas letras daquel alfabeto unipersoal.
     Pasaron máis de vintecinco anos e pouco mudou dende entón. Aprendín a ler criticamente cando estudaba filoloxía e sigo a xuntar palabras e a pórlles rostro a todas esas personaxes que me viven na cabeza e me «petan á porta polas noites».
    
—Fala de min, que son Patanexo...
    
—Fala de min, que son Marú...
    
—Fala de min que son Veludiña...
     Volvo sempre ás carballeiras de Castroverde, ás veigas do Chamoso cando pasa por Gracián, que se mesturan coas imaxes da Patagonia, o Serenguetti, Zanzíbar, O Damaraland, Wadi Run ou a Amazonia, paisaxes percorridas coa présa de quen sabe que non lle pertencen por máis que algo delas se lle impregne no corazón.
     A primeira das miñas paixóns, ler, ou o seu espello, escribir. A segunda viaxar, percorrer camiños en silencio, con botas ben cómodas e unha mochila ás costas, unha camiseta, un pantalón, repelente de mosquitos e un mapa... sempre un mapa e un destino, polo que debuxar ronseis coas pegadas dos zapados neses mundos imaxinados daquela, cando era unha nena que emborranchaba soños cun garabullo de xiz nunha pizarra sen letras.


¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega