Aquilino%20Iglesia%20Alvari%EF%BF%BD%EF%BF%BDo

(1909 - 1961)

 

 
Obras
Biografía
 
Iglesia Alvariño.html

     Aquilino Iglesia Alvariño naceu no ano 1909 en Seivane, no concello lugués de Abadín. Entrou con catorce anos no Seminario de Mondoñedo, onde compuxo a súa primeira obra poética, Señardá (1930). Tras abandonar os estudos eclesiásticos, estableceuse en Vilagarcía de Arousa como profesor do colexio León XIII, do que se convertería en director e propietario. Porén, Aquilino transladouse a Santiago para cursar Filosofía e Letras, carreira na que se licenciaría en 1944. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista do momento e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra, fundou Renacencia e a seguir retomou a publicación lírica. O segundo libro, Corazón ao vento (1933), desligado do modernismo, entronca co franciscanismo do primeiro poemario e ábrese ás correntes vangardistas.
     Após a guerra civil, Iglesia Alvariño compuxo poesía de signo fascista en español, mais en 1947 voltou á lírica galega, editando Cómaros verdes. Nestes anos a profesión docente levouno a mudar de cidade en varias ocasións. Porén, as súas ocupacións profesionais non impediron que desenvolvese unha intensa actividade noutros campos. Como lingüista especializouse no galego popular e redixiu monografías como A lengua dos poetas do Norte de Lugo, que foi o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1949, que só sería publicado quince anos despois. En 1952 retornou a Compostela, onde permanecería até a súa morte, e alí foi testemuña do abrollar da xeración literaria das Festas Minervais (mesmo colaborou, con diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos, en La Noche). A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas seguintes obras: De día a día (1960), Landa de soledá (1961) e Nenias (1961).
     Iglesia Alvariño, un dos protagonistas da escola paisaxista de Mondoñedo, faleceu en Compostela en 1961. Dous anos máis tarde publicouse, baixo o título de Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega