vb2puravazquez.html
Pura
Vázquez naceu en Ourense, en 1918. Criouse na cidade de A
Coruña, desde menos de un ano de idade ata os sete cumplidos en
que a trouxeron de novo a Ourense.
En Ourense estudou a Primaria,
Bacharelato e Maxisterio. Desempeñou a primeira escola, logo da
Oposición, na Provincia ourensá, e dous ou tres anos máis
tarde, por motivos de clima, fai unha lenta peregrinación por as
escolas da provincia de Segovia, Toledo, Sevilla e Madrid. Nesta
última capital xubilouse por lei, forzosamente, no ano 1985, en
que enviudou, e regresa definitivamente a Ourense. No ano 1955
viaxou a Venezuela, Caracas, con excedencia profesional do
Ministerio deiquí, e é encargada polas autoridades venezolanas
de organizar e logo rexentalo, un kindergartem piloto no mellor
Centro de Primaria de Caracas, daquela época. Un ano despois, é
chamada pola Universidade Central para ser Secretaria da Escola
de Periodismo, que entonces funcionaba dentro da Facultade de
Letras da Universidade Central de Venezuela en Caracas. Regresa a
España a mediados de 1968 aproximadamente.
Comezou a escribir e publicar desde
moi noviña, en revistas e prensa galegas, nos primeiros anos do
Bacharelato, e alternou sempre a carreira do Ensino coa da
Literatura. No ano 1944 publícalle a Excma. Deputación
Provincial de Ourense o seu primeiro libro en castelán. Antes,
no 1943, publicáranlle xa persoas particulares, unha edición de
18 exemplares de outro libro tamén escrito en castelán, pero
que incluía xa nove poemas en galego. Neste idioma publica
tamén xa entonces contos e poesías en xornais e revistas
galegas, no noso idioma, unhas deiquí, e outras do Centro Galego
de Buenos Aires e algúns outros de capitales de Sur América.
E no ano 1952, sale na Colección
Xistral, no seu número dous, o libro Íntimas, en Lugo,
totalmente xa escrito en galego.
Desde estas datas, nun e noutro
idioma, seguíu xa publicando sempre. O Centro Galego de Buenos
Aires publica, en 1956 o seu libro Maturidade, tamén no
noso idioma. En Galicia e logo en Castela, sigue publicando,
alternando o galego co castelán. En Segovia, son publicados dous
libros pola Casa de Amigos de Antonio Machado, na Universidade
Popular segoviana. En Madrid, publícanlle, tamén patrocinados
por Editoriais, outros tres libros. Tres tamén en Caracas
durante a súa estancia en Venezuela. Logo fai un intervalo de
cerca de nove anos sin escribir, por motivos familiares e de
saúde.
Nos anos 1990 e 1991, publica por
propia iniciativa, en Ourense, unha Antoloxía castelán e outra
galega, das súas obras publicadas, e volta a escribir poesía en
galego, publicando en 1993 o libriño Man que escribiu no mar.
E os que tén en Editoriais ou Coleccións, como Anos de
navegar, 1992; Se digo Ourense, tamén de 1992; Desmemoriado
río, 1993, e Orballa en tempo lento, en 1994. Ten
rematado un derradeiro libro en castelán, Los silencios de
Alargán, 1994. E anda con outro galego en preparación,
así como un intento de autobiografía comezada xa. Foi, despois
da Guerra Civil, a primeira muller que comezou a publicar en
galego nos xornais e revistas de Galicia e dos Centros Galegos,
como o de Bos Aires, e algún outro daquela época, cando estaba
prohibido a publicación no noso idioma, o que lle trouxo algúns
inconvenientes graves.
No ano 1992 adícanlle as Mulleres
Traballadoras de Ourense o Día Internacional das Mulleres
Traballadoras, e no 93, adxudícaselle o premio de
"Creación Cultural Feminina" da Xunta de Galicia. A
Presidencia da Xunta faille a gracia de publicarlle unha fermosa
Carpeta Antolóxica de poemas seus. e no 1994, publícalle unha Nova
Antoloxía, A Carón de mín, que inclúe unha selección da
súa obra poética publicada en galego, e unha pequena mostra de
varios libros inéditos galegos.
Pura Vázquez faleceu en Ourense o 25 de xullo de 2006.
|