mb1cfernandezvega.html
Celestino
Fernández de la Vega, destacado militante do galeguismo cultural
de preguerra, naceu en Friol (Lugo) en 1915. Con once anos
transladouse a Lugo, onde cursou estudos no colexio dos Irmáns
Maristas e, a seguir, no Instituto de Bacharelato.
En 1930 principiou a carreira de
Dereito en Compostela e catro anos máis tarde, co obxectivo de
rematar a licenciatura, fixou a súa residencia en Madrid. Pouco
despois de realizar os últimos exames, Fernández de la Vega foi
mobilizado para combater no bando nacional; a guerra marcará de
maneira decisiva a súa obra.
Unha vez concluído o conflito
bélico, comezou a preparar as oposicións a Técnico da
Administración, que gañaría en 1940 e que o levarían
destinado ao Goberno Civil de Lugo. Nesta cidade, Fernández de
la Vega fíxose asiduo de diferentes tertulias, ás que asistían Pimentel,
Fole, Antonio Figueroa, Luciano Penedo e
Ramón
Piñeiro entre outros.
O lugués estivo presente no
proxecto da Editorial Galaxia desde o seu nacemento, aportando
ensaios como "Cultura y Comunicación" (1951) e
"Campanas de Bastabales" (1952), publicados en español
por esixencias da censura (o 50% dos textos dun volume debía ir
redixido na lingua oficial). Familiarizado coas principais
correntes de pensamento do momento (con catorce anos xa lera a Crítica
da razón pura, de Kant) e seducido especialmente pola
filosofía de Heidegger (a quen lía na lingua orixinal),
Fernández de la Vega traduciría, xunto con Ramón Piñeiro,
Da esencia da verdade, do pensador xermano.
Celestino centrou os seus esforzos
en evidenciar o espírito e moderno das tres características
fundamentais do ser galego: a saudade, o sentimento da paisaxe e
o humorismo. Como as súas obras máis relevantes podemos
destacar "Abrente e Solpor da Paisaxe" (1958), editada
nun volume colectivo en homenaxe a Otero
Pedrayo, e O segredo
do humor (1963), onde o lugués expón a súa particular
concepción do "humor" (punto intermedio entre o lado
serio do cómico e o ridículo do serio) e sinala a Castelao como
o humorista máis relevante das literaturas hispánicas do
século XX. Ademais, foi autor de numerosos artigos
xornalísticos de temática variada (música, pintura, teatro,
etc.).
Tras varios anos sofrendo unha
forte depresión, Fernández de la Vega decidiu por fin á súa
vida en 1986.
|