m1pondal.html
Eduardo
María González-Pondal Abente, unha das máximas figuras, xunto
con Rosalía de Castro e
Curros
Enríquez, do noso Primeiro
Renacemento literario, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de
Bergantiños. De orixe fidalga, Eduardo estudou gramática
latina da man dun parente crego. En 1848 instalouse en Santiago
para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira
de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a
Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará
inquedanzas culturais. No transcurso do Banquete de Conxo (1856),
un encontro confraternizador entre artesáns e estudantes,
Pondal daríase a coñecer coa lectura dun poema en español
titulado "Brindis".
Tras licenciarse en Medicina en
1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada
Española. Neste ano saiu á luz no Álbum de la Caridad "A
campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano
máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo
de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias,
deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión
médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da
poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña,
Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na
tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica",
e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James
Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo"
da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a
seguir.
No ano 1877 saíu do prelo Rumores
de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e
español que servirá de base a Queixumes dos pinos
(1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións
en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora
traducidos e coñecerá diversas ampliacións
nas edicións seguintes. "Os pinos",
xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los
pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual
Veiga.
Pondal, poeta oficial do movemento
rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua
e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso
pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de
mitos autóctonos que chamen á colectividade
galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai
cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é
tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha
paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa
natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa
produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a
dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e
incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na
sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria
foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da
súa obra que o levou a revisar constantemente as súas
creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non
resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico
baseado na descuberta do continente americano, o autor só
publicase un primeiro esbozo en 1858.
Eduardo Pondal falece no hotel La
Luguesa da Coruña no ano 1917 e repousa desde entón no
cemiterio de San Amaro.
|