Francisco Castiñeira


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2franciscocastinheira2.html

     Nacín nun sitio frío e fun parar a un sitio frío. E non me queixo. O verdadeiro frío é outra cousa.

     Nacín na Suíza francófona no ano do punk, o 77. Os meus pais, emigrantes de Laxe, recapacitaron e liscaron axiña para A Coruña, onde me criei. Tras recalar con desigual fortuna en Compostela e Uviéu ando a abrigarme da neve xa vai para tres anos na fermosa cidade bávara de Regensburg, Ratisbona para nós os latinos. Gáñome as lentellas como Técnico de Laboratorio, e non hai grande queixa. Solteiro, sen fillos e un afillado que berra onde tas padino polo teléfono. Un ceo. Fago de menos o mar, pelexo coa morriña e gústame pisar a neve cunhas boas botas.
     Se cadra é máis entretido falar do que escribo. Ata agora adiqueime ó relato curto. Apañei algún premio que outro, entre os que salientan os III Certame Suárez Ferrín (2002), Certame "Radio France International-Cide Hamete Benengeli" (2003), o II Certame Lucus Augusti (2004) ou o Certame Ourense de Contos (2006).
     Publiquei en solitario unha escolma de relatos chamada Seica Chove (Baía Edicións, 2002) e este ano, se os deuses o queren, sairá un segundo libro de relatos chamado Inventario de Nubes por Sotelo Blanco Edicións. Oxalá que os leas e que che presten. Se non, todo o desta caótica biografía sobra.
     Saíron ademáis relatos meus noutras compilacións xunto con outros autores, como Inventario de nubes e catro contos máis (Xunta de Galicia, 2006), Premios Pedrón de Ouro Modesto R. Figueiredo XXX e XXXI (Edicións do Castro, 2007), Relatos de Verán 2001 (La Voz de Galicia) e outros co gallo dos mesmos certames literarios, ademáis de colaboracións en publicacións como A Trabe de Ouro, Revista Dorna de Expresión Poética ou a Revista Move na internet.
     Namentres chega a inspiración e transpiración necesaria para novos proxectos, saco parvadas de cando en vez no meu blog, ó que estades convidados.
     Espero non tervos aburrido. E se é así, que iso non volva pasar. Que teñades unha feliz lectura.
 


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega