mb2rosalia.html
Francisco Rodríguez
Sánchez naceu o 22 de novembro de 1945 en Ferrol (Serantes). Cursou Historia e
Filoloxía Románica (sección de Hispánicas) na Universidade de Madrid. En 1968
gaña as oposicións de agregado de Lengua y Literatura españolas de bacharelato,
a exercer docencia en Albacete (1969-1971) e Ourense (1971-1973). En 1973 gaña
as oposicións a catedrático de instituto, desempeñando as súas funcións como
profesor en Cangas do Morrazo (1974-1976), Puerto Real (Cádiz), Carballo
(1976-1979), A Estrada (1985) e Ferrol (1995).
Autor dun vasto número de estudos, ensaios e investigacións relacionados coa
realidade galega, publica en 1976 Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza.
A diagnose e interpretación da problemática do idioma galego experimenta con
esta obra unha absoluta renovación, xa que aspectos de natureza económica,
social e política ocuparán un lugar relevante en dito exame. Alén disto, a súa
bibliografía contén estudos moito documentados e clarificadores sobre autores e
autoras fundamentais na nosa literatura, como demostran os seguintes títulos:
A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez (1995), Eduardo Blanco Amor, o desacougo da
nación negada (1993) ou Análise sociolóxica
da obra de Rosalía de Castro (1988). Esta última, co mesmo título da tese
con que se doutorou en 1988 en Santiago de Compostela, enche un baleiro na
investigación da historia literaria galega e significa un estudo rigoroso en que
se reinterpreta a figura de Rosalía de Castro. O tribunal calificador, integrado
por Ricardo Carballo Calero, Pilar Vázquez Cuesta, Xosé Ramón Barreiro, Claude
Henri Poullain e Anxo Tarrío, outorgoulle a máxima calificación.
Francisco Rodríguez foi tamén impulsor da creación e
dinamización de organizacións sindicais e políticas do xénero da INTG e BNG. Con
efecto, combinou apropiadamente os seus estudos lingüístico-literarios coa
política, na que entrou aos 18 anos. É membro permanente do Bloque Nacionalista
Galego e do seu Consello Nacional. Foi deputado no Parlamento Galego durante a
IV Lexislatura, e na actualidade é deputado nas Cortes do Estado español,
consolidándose como un dos dirixentes históricos do nacionalismo galego.
|