vb1xavierseoane.html
Xavier
Seoane (A Coruña, 1954). Estudiou Filoloxía Románica en
Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura Galega en A
Coruña, onde tamén impartiu, entre outras, Literatura Universal e Técnicas de
Expresión Escrita. Desde 1975 vén desenvolvendo a súa actividade nos
terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural,
tanto en prensa e revistas, como conferenciante. Nas décadas dos
setenta e oitenta participou nas actividades dos grupos "A
Carón" e "Galga". Ten colaborado, entre outras,
en publicacións como Teima, Man Común, Grial, Nordés,
Agalia,
A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Luzes de
Galiza, Gran Enciclopedia Gallega, El Corrego Gallego,
Microfisuras...
Desde hai anos vén organizando na cidade da Coruña debates, conferencias e
tertulias de carácter artístico, literario e cultural, así como participando en
cursos literarios, na coordenación de premios literarios e na impartición de
obradoiros de poesía e literatura.
En colaboración con Raúl Reguera
publicou o libro Poesía experimental (1978). O seu
primeiro poemario individual foi Os bosques
encendidos (1981). Logo editaría A caluga do
paxaro (1979), Presencias (1985),
Iniciación e regreso (1985) co que recibiu o premio
Cidade da Coruña en 1982, O Canto da Terra (1987),
Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as
voces do orvallo (1994), Umbral de Vida (1996), premio Esquío de
poesía, Don do horizonte (1999),
-que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os
volumes A néboa invisíbel e Agra da
Brea-, Dársenas do ocaso (2002), 1º premio Caixa Nova de poesía e
Premio da Crítica Española, a plaquette Longas augas (2003), Vagar de
amor e sombra (2004), Para unha luz ausente, premio Espiral Maior de
poesía (2006), Do ventre da cóbrega (2008) e Raíz e soño (2009,
Ed. Trifolium).
En 2010 saíu publicada a edición castelán do seu libro de poemas Dársenas do
ocaso, pola autoridade portuaria de A Coruña.
En colaboración con Manuel Rivas
escribiu en dúas noites, e
publicou posteriormente o poemario Anisia e outras sombras
(1981), unha experiencia de escrita a catro mans. Colaborou nas antoloxías poéticas
De Amor e
Desamor I (1984) e De Amor e Desamor II (1985), así como no volume e
CD de aniversario De amor e desamor (2009, Deputación de A Coruña).
Editou no seu día un libro de reflexións e aforismos titulado Arca
cotidiana / Irispaxaros (1984), ao que seguiría un novo volume de aforismos:
Da rocha imantada (2010, Laiovento). O gravador Manuel Facal realizou a
carpeta de gravados As quatro estacións, sobre
poemas de Seoane, e o libro de artista Irispaxaros,
sobre aforismos do autor.
Con Manuel Rivas, Antón Baamonde e Lino Braxe, foi fundador e animador da
revista e do foro Luzes de Galiza. Ten traballado en proxectos de vídeo:
"O pintor Luis Seoane", "Luis Seoane, escritor" e "Arquitectura galega actual".
Participou como comisario na organización de exposicións relacionadas co mundo
das artes ("Leopoldo Nóvoa", "Mundos", "Figuraciós", "Isaac Díaz Pardo", "O
cómic galego", "Luís Seoane e o libro galego na Arxentina", "Urbe, Natura,
Cosmos", "Alberto Datas"...) e colaborou con textos sobre arte en catálogos de
exposicións e libros colectivos. Coordenou o libro de conferencias A cultura
e a criatividade galegas cara o ano 2000, e, ademais de ensaios sobre
fotógrafos como Vari Caramés e Vilariño, prologou os volumes A Coruña entre
séculos (2000) e Momentos coruñeses (2001).
En 1989 publicou, en colaboración
con Lino
Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís
Seoane, "Galicia Emigrante". Tamén en colaboración
con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de
Alvaro Cunqueiro, "A máxia da palavra" (1991), o
volume "Luís Seoane e o cine" (1994), "Luís
Seoane e o teatro" (1996) e "Luís Seoane: Textos sobre
arte" (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro
Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte
galega, e, en 1994, Reto ou rendición, análise dos presupostos
teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Posteriormente publicou o
ensaio A voz dun tempo. Luis Seoane: o criador total (1994), Silverio
Rivas (2002, Deputación de Pontevedra), Alberto Datas (2008,
Deputación de A Coruña), Manuel Facal (2009, Ed. Dardo). Con Antón Patiño
publicou o ensaio-manifesto Hai suficiente infinito (1999).
Nos últimos anos, dentro dun proxecto de carácter
cultural, artístico e humanístico, publicou, sobre o mundo do libro e da
lectura, o ensaio Atravesar o espello (2000, Ed. Xerais), que constitúe
unha defensa do libro e da lectura; O sol de Homero (2002, Ed. Xerais),
que plantexa unha defensa da poesía no mundo contemporáneo, e Saudar a vida
(2007, Ed. Xerais), unha aposta polas humanidades, en relación coa ciencia e a
tecnoloxía, no marco da sociedade actual. Está no prelo o cuarto volume do
proxecto (Ed. Xerais), Todos somos Ulises, unha defensa dunha educación
humanista e democrática.
Na narrativa, editou a novela Ábrelle a porta ao mar
(2000, Ed. Espiral Maior), o conto infantil "Historia do can que caeu no
tinteiro" (2007, Ed. El País e Editorial Galaxia) e a novela de ámbito
infantil-xuvenil Filiberto e Sofonisba (2010, Ed. Tambre-Edelvives).
Ten realizado exposicións de poesía visual e
experimental en A Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en
mostras de mail art.
A súa obra poética -traducida a varios idiomas- foi
seleccionada en múltiples antoloxías de poesía galega actual. Entre outras,
pódense sinalar: Escolma da poesía galega, 1976-1984 (Sotelo Blanco,
1984), Desde a palabra, doce voces (Sotelo Blanco, 1986), Antoloxía da
poesía galega erótica e amatoria (O Castro, 1988), Poesía Gallega de Hoy
(Visor, 1990), Fin de un milenio (Libertarias, 1991), 50 anos de
poesía galega (Penta, 1994), Poesía gallega actual (Litoral, 1996),
Antologia de poesia galega (Universidade de Campinas, Brasil, 1996),
25 anos de poesía galega: 1975-2000 (Biblioteca Galega 120, 2002),
Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram, 2003),
Antoloxía poética (1990-2003. Galeuzca) (2003, en galego, vasco e catalán),
Poetas galegos do século XX (Espiral Maior, 2004), Poesía suspensa
(Espiral Maior, 2008), Poemas coruñeses (Espiral Maior, 2008),
Dix-sept poètes galicines (Universidade A Coruña, 2008), Poeti spagnoli
contemporanei (Edizione dell'Orso, 2008), El otro medio siglo. Antología
incompleta de poesía iberoamericana (Espiral Maior, 2009), Breogan's
Lighthouse (Ed. Xerais, 2010).
|