vb2idiazpardo.html
Isaac
Díaz Pardo naceu en Compostela en 1920. A súa educación estivo
marcada polo contacto cos máis importantes intelectuais
galeguistas do momento (Otero,
Castelao,
Cabanillas,
Ramón e
Antón Vilar Ponte, Risco...), reunidos no obradoiro do seu pai,
o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño (membro activo das
Irmandades da Fala asasinado en 1936), ou na imprensa de Ánxel Casal, amigo da
familia. O seu compromiso con Galiza iníciase en 1936, cando
participa activamente na campaña a favor do Estatuto de
Autonomía.
Entre 1939 (ano en que gaña unha
bolsa de Artes Plásticas da Deputación Provincial da Coruña) e
1942, estudiou Belas Artes na Escola de San Fernando, en Madrid,
participando nunha experiencia pioneira sobre deseño industrial.
Completaría a súa formación cunha viaxe de final de carreira a
Italia. Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha
etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría (en pleno
recoñecemento do seu labor) en 1948, para entregarse por
completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e
empresarial que visaba, por un lado, a modernización e
internacionalización da nosa cultura e, por outro, a
rexeneración da desarticulada historia do noso país. Con todo,
a pintura vai continuar presente no seu labor
creativo posterior (escenografías, obra gráfica...)
Un ano antes puxera xa en andamento
unha pequena fábrica de cerámica no Castro de Samoedo (Sada - A
Coruña), explotando as materias primas do primitivo complexo de
Sargadelos (Cervo - Lugo) creado no século XIX por Antonio
Raimundo Ibáñez.
En Arxentina, a onde se dislocou
por primeira vez en 1955, coñeceu os galeguistas exiliados. Alí
montou unha nova fábrica de cerámica e entablou amizade con
Luís Seoane e a revista Galicia Emigrante, en que
participaría co pseudónimo Ollarnovo.
Desde este momento, Seoane convertiuse nun
estreito colaborador nas iniciativas culturais e empresariais do
compostelán. Así, co apoio de outros galeguistas (Rafael
Dieste, Lorenzo
Varela, Blanco-Amor, Laxeiro...), fundaron en
1963 o Laboratorio de Formas, ao que se incorporaría
posteriormente o arquitecto Andrés Albalat. Desde esta
institución irían tomando forma proxectos como o Complexo
Industrial Sargadelos (en convenio con Cerámicas do Castro) e
Ediciós do Castro (ambos en 1963), o Real Patronato de
Sargadelos (encargado da protección do recinto do primitivo
complexo, declarado en 1972 conxunto histórico-artístico), o
Museo Carlos Maside (1970), o Instituto Galego de Información (a
partir dunha idea do xornalista Lorenzo Varela) ou o novo
Seminario de Estudos Galegos.
A inxente actividade rexeneradora
promovida por Isaac Díaz Pardo atinxe todo tipo de actos e
iniciativas en que se plasma a súa idea, afastada das visións
folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro.
No campo literario, o labor do
galeguista non se limitou a soster unha plataforma editorial: el
propio cultivaría varios xéneros, desde o teatro, a crítica e
o ensaio ou os cartaces de cego, para alén dunha continuada
presenza nos medios xornalísticos.
En xaneiro de 2007 foi nomeado doutor Honoris Causa
pola Universidade da Coruña.
|