mb2pradolameiro.html
Xavier
Prado Rodríguez (Prado "Lameiro"), naceu en Ourense en
1874. Moi novo, ficou orfo de pai e entrou baixo a tutela dun seu
tío subdiácono no concello ourensán de Canedo, onde discorreu
a súa infancia en contacto co mundo labrego.
Ingresou no exército aos dezaséis
anos e foi destinado sucesivamente a Vigo, Murcia e Ourense.
Paralelamente realizou estudos de Veterinaria en Compostela,
feito que lle permitiu conseguir en 1901 un destino en Ribadavia
como subdelegado local dos servicios veterinarios. Alí
permaneceu nove anos até aprobar en Madrid as oposicións de
inspector provincial de Hixiene Pecuaria. Desde ese momento
residiu en Ourense, cidade en que ditou numerosas conferencias á
volta dos problemas gandeiros e agrarios e onde publicou en español diversos artigos sobre esta temática. En
recoñecemento a todo este labor, foi elixido presidente do
Colexio Provincial de Veterinarios no ano 1923.
Incorporado ás Irmandades da Fala
de Ourense, participou dunha maneira decisiva na edición da
publicación galeguista O Tío Marcos d'a Portela
(1917), xornal quincenal que recuperaba o cabezallo e a
ideoloxía anticaciquil do que sostera Valentín Lamas Carvajal
entre 1876 e 1890. Foi esta unha etapa en que Prado
"Lameiro" desenvolveu unha intensa actividade cultural
e literaria: así, en 1918 publicou os poemarios A carón d'o
lume e Epigramas e, un ano máis tarde, figurou
entre os fundadores da "Coral de Ruada" (1919) que
estrearía moitas pezas teatrais da súa autoría e entrou a
formar parte da directiva da Asociación da Prensa de Ourense.
Con todo, co advenimento da
ditadura de Primo de Rivera, Prado "Lameiro"
achegaríase á dereita local, ingresando nas fileiras do partido
Unión Patriótica, próximo ao réxime.
O seu segundo libro de poemas, Cóxegas
e moxetes, viu a luz en 1928, ano en que tamén se publicou Monifates
e Farsadas, dous volumes que recollían catorce pezas
teatrais do ourensán.
Convertido nunha figura moi popular
e querida, Xavier Prado "Lameiro" morreu en Ourense en
1942.
|