mb2leandrocarre.html
Leandro
Carré Alvarellos naceu na Coruña en 1888. Era fillo do editor
Uxío Carré, en cuxa libraría se celebraba a tertulia chamada
Cova Céltica. Aínda que conservou o interese paterno pola
cultura e a lingua galegas (deu ao prelo Compendio de
Gramática galega, 1919, e os dous volumes do Diccionario
gallego-castellano, de 1928 e 1931), Leandro destacou pola
súa dedicación ao teatro. Cultivou así mesmo o xénero
narrativo, publicando Contos e diálogos (1918), Amor
malfadado (1918), Nos picoutos de Antoín (1955) e
varias novelas.
Vinculado ás Irmandades da Fala
desde a súa creación, o seu papel cobrou protagonismo cando
Antón Vilar Ponte abandonou a agrupación da Coruña.
Transformou entón o Cadro de Declamación da Irmandade en Escola
Dramática Galega, agrupación dirixida por el propio en que
desenvolveu tarefas de encenador, escenógrafo e formador de
intérpretes.
Son moitos os textos teatrais de
Leandro Carré que continúan inéditos. Entre os que viron a luz
figuran Tolerías (1917), Pra vivir ben de casados
(1918), O corazón dun pedáneo (1921), Coa máscara
do amor (1955) e os diálogos dramáticos recollidos en Contos
e diálogos. Mais aínda comporía cadros líricos para o
coro coruñés "Cántigas da Terra", do que foi
director artístico.
En 1924 fundou na Coruña a
Editorial Lar (que tamén dirixiría), plataforma que publicou
durante catro anos a colección do mesmo nome. Entre os títulos
editados (ademais das novelas asinadas por el propio) figuran
obras de Otero,
Risco, Lesta Meis,
Cabanillas,
Vilar Ponte e
Cotarelo.
Durante a ditadura franquista,
Carré (que ingresou na Real Academia Galega en 1945) dirixiu a
sección galega de "Artes e Letras" da revista
bracarense 4 Ventos, levou a cabo un labor de recollida
de literatura popular, publicou ensaios sobre a nosa literatura e
colaborou frecuentemente nos xornais coruñeses, no empeño de
que non se esquecese o realizado no campo teatral durante aqueles
anos das Irmandades.
A mesma cidade que o vira nacer foi
testemuña do seu falecemento en 1976.
|