vb2luisavillalta.html
Nacida na Coruña en 1957, dentro
do ámbito da poesía ten publicados os libros Música
Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao
interior do ollo (1995) ademais de textos e colaboracións
en diferentes meios, antoloxías, publicacións periódicas,
revistas na web etc. Participa regularmente en recitais e actos
de espallamento da poesía galega tanto na Galiza como no
exterior.
A súa actividade literaria esténdese sen embargo a outros ámbitos
criativos dos que podemos destacar o da narrativa, con libros
como Silencio, ensaiamos (1992), as novelas Teoría
de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e tamén
do teatro, xénero para o que escrebeu os textos Concerto
para un home só (1989), O representante (1990), O
paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia
(1999). Licenciada nas Filoloxías Galego-portuguesa e Hispánica,
tamén se ten revelado como asidua analista e intérprete da
literatura nos libros ensaísticos O don Hamlet de Cunqueiro:
unha ecuación teatral (1992) e o recentemente publicado O
outro lado da música, a poesía (1999), no que traza unha
orixinal visión da poesía galega desde o ponto de vista da
relación ancestral desta arte coa música. Titulada en violino,
ten escrito asimesmo artigos e ensaios sobre estética e
comunicación musical en xornais, revistas etc.
Como intelectual preocupada polo devir da literatura en xeral e
da cultura galega en particular, participa nas actividades da Asociación
de Escritores en Lingua Galega en calidade de directiva,
coordena a "Área de Revisión histórica e análise crítica
da cultura" no Foro da Cultura Galega, para
alén de impartir seminarios, conferencias e publicar numerosos
artigos en revistas periódicas tanto de ámbito galego, como foráneo
entre as que cabe citar, Man comun, Grial, A
Festa da palabra silenciada, A Trabe de Ouro, Mondo
Lusofono, Agalia, Tempos Novos, Página
abierta etc.. Igualmente é frecuente a súa participación
en actos, recitais poéticos, mesas redondas, debates e
pronunciamentos públicos en favor da defensa e consolidación da
lingua e a cultura galega como expresión xenuína de Galiza.
Algunhas referencias e comentarios á súa obra en Portugal:
GUIMARÃES, Fernando Martinho, "Luísa Villalta e os
descaminhos da poesia" in Actas das I Xornadas das
Letras Galegas en Lisboa, Xunta de Galicia ,1998
BERNARDEZ, Carlos "Poesia Galega" in Jornal de
Letras, Artes e Ideias, Ano XXI nº 802, 27 de Junho a 10 de
Julho de 2001
Algunhas referencias e publicacións na Internet:
revista literaria Orpheu nº4, en www.orpheu.com.
O Ximnasio de Academo www.ctv.es/USERS/mforca/home.htm.
Consello da Cultura Galega www.culturagalega.org
|