vb2manuelmaria.html
Manuel
María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro
de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e
aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á
idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores
lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar
en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez
(Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa
realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta primeira
etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova
xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se
inaugura a denominada "Escola da Tebra".
En 1958 instálase en Monforte como
Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi.
Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na
reorganización política, na clandestinidade, dos partidos
nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle
chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país,
andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir
conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción
Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de
acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen
abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu
pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto
no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se
comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade
social, en definitiva, co seu pobo.
A súas actividades políticas
culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos
duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua
foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se
dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde
a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa
entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola
Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.
Non é doado resumir en poucas
liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no
panorama literario da segunda metade do século XX, pola
amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa
temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou
satírico, preocupación relixiosa, reivindicación
lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo
poético, a construción da patria.
Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de
2004.
Fundación
Manuel María
|