mb4kenkeirades.html
Manuel García Barros
naceu en 1876 en Berres (A Estrada), onde transcorreu a súa infancia e parte da
mocidade. Realizou os seus estudios de Maxisterio, como alumno libre, na Escola
Normal de Santiago de Compostela.
En 1906 saiu á rúa o xornal El Estradense, do
que García Barros foi fundador e director. Nos primeiros anos do século foi
nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada
e na década de vinte iniciou a súa colaboración no xornal O Emigrado
coa sección 'Contiños da terra'. En 1923 conseguiu unha praza oficial como
mestre e foi destinado á parroquia de Rubín; uns meses despois asinaba co
pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticacicais, que publicou no apartado
'Rexoubas' do Emigrado.
Ao longo da súa vida xornalística foron frecuentes os
problemas coa xustiza e determinados sectores da política e da vida social da
zona. No ano 36, viuse obrigado a interromper a súa colaboración con O
Emigrado, publicación que continuará a se editar nunha liña máis
aproximada ao novo réxime político. Alén disto, foi suspendido de emprego e
soldo como mestre, e catro anos máis tarde unha orde ministerial arredouno
definitivamente do ensino.
A única peza teatral da súa autoría, Carta Da
Habana, foi encenada no Nadal de 1926 e, cinco anos despois, publicou Contiños
da Terra, texto financiado economicamente polas Sociedades de Emigrados da
Estrada en Bos Aires e A Habana. A novela As Aventuras de Alberte Quiñói
(concluída en 1942) só vería a luz postumamente, trinta anos após a súa
redacción. En 1952 O Centro Cultural do Partido da Estrada sacou á luz a
segunda edición de Contiños da Terra, convertida xa nun dos éxitos
literarios da época.
Ken Keirades recibiu galardóns en varios certames
literarios: así, gañou o certame literario promovido pola Sociedade Económica
de Amigos do País de Santiago de Compostela, co conto O fubol en Malpocados;
o seu cartaz Falemos na nosa fala obtivo o primeiro premio no Certame de
Exaltación da Muller Galega, celebrado en Pontevedra en 1929; do mesmo xeito,
As Aventuras de Alberte Quiñói recibirían unha mención especial no Certame
Literario do Centro Galego de Buenos Aires de 1949. Desde 1957 o escritor
estradense foi correspondente da Real Academia Galega.
Manuel García Barros faleceu en 1972. Postumamente
foron publicados dous volumes con relatos inéditos do escritor estradense: Enredos
(2000), libro que contén unha serie de contos intitulados Fiunchos
que o autor escribira coa finalidade de apresentalos nun certame literario en
1952, e Dos Meus Recordos (2001), unha miscelánea autobiográfica.
|