mb2lugrisfreire.html
Manuel
Lugrís Freire naceu en Sada en 1863 e con vinte anos emigrou a
Cuba. Na Habana foi elixido membro da xunta directiva do Centro
Galego e fundou e dirixiu o primeiro xornal americano redixido
totalmente en galego: A gaita gallega (1885-1889). Alí
publicou o seu primeiro poemario (Soidades, 1894),
prologado por Curros
Enríquez, e escribiu a súa primeira obra
dramática: A costureira da aldea. De volta á Galiza en
1896, instalouse na Coruña e proseguiu o cultivo da literatura,
editando en 1901 Noitebras.
Relacionado cos rexionalistas
herculinos, Lugrís tomou parte en todas as actividades
galeguistas da altura. Así, foi o primeiro en utilizar nun mitin
a lingua galega e figurou entre os patrocinadores da Escola
Rexional de Declamación (1903), da que sería presidente. Desde
este momento, a maior preocupación de Lugrís foi a de fornecer
de textos á nova entidade, todos eles cunha forte carga
reivindicativa e rompedores co costumismo imperante. Tras a
presentación da Escola cunha peza de Salinas, a totalidade dos
espectáculos realizados polo cadro contaron con títulos da súa
autoría: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras
(1904). Alén de figurar como o primeiro escritor teatral en
utilizar a prosa, é o máximo representante do teatro social ou
de tese.
Porén, Lugrís deixaría
definitivamente o teatro e retomaría a creación poética.
Tamén asinou (co pseudónimo Asieumedre) numerosos relatos
breves que serían compilados en 1909 no volume Contos de
Asieumedre e aínda publicaría unha Gramática do
idioma galego (1922).
En 1923 ingresou no Seminario de
Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. A Real Academia
nomeouno presidente en 1934, posto ao que renunciaría un ano
máis tarde por problemas de saúde. Nesa década, colaborou, así mesmo, na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía.
Tras o conflito bélico, que
provocou a persecución da actividade galeguista, Manuel Lugrís
morreu na Coruña en 1940.
|