mb2manuelantonio.html
Manuel
Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo en 1900, mais, orfo de
pai desde os catro anos, pasou a maior parte da súa infancia en
Iria Flavia e Padrón. Estudou o Bacharelato en Compostela, onde
entrou en contacto co republicanismo e iniciou a súa militancia
galeguista. Na mesma cidade comezaría a carreira de Filosofía e
Letras, que abandonou para seguir os estudos de piloto na Escola
Náutica de Vigo.
Desde moi novo, a política formou
parte das súas inquedanzas. Tras entrar en contacto cos
movementos agraristas de loita anticaciquil, toma consciencia da
realidade do país e asume un nacionalismo apaixonado. Despois de
ler a vangarda europea e de coñecer o saudosismo portugués e
mais o ahikú xaponés, guiado por Risco, en xuño de 1922
asinaba, xunto co artista plástico Álvaro Cebreiro, o manifesto
"¡Máis alá!". Nel propugnaban o uso exclusivo do
galego e a independencia da nosa literatura a respecto da
española, rexeitando igualmente o estancamento da produción
máis recente na tradición decimonónica. O manifesto, dirixido
fundamentalmente á mocidade intelectual e que quería servir de
auténtico revulsivo para o sector máis conservador do
galeguismo, non chegou a desencadear a polémica que os autores
desexaban.
É o poeta vangardista máis
orixinal da literatura galega, cun único libro publicado en
vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (1928),
que tardaría moitos anos en deixar pegadas noutras xeracións
literarias.
En 1972, García Sabell deu a
coñecer o resto da produción poética de Manuel Antonio: Con
anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais
dispois e mais Viladomar.
Manuel Antonio faleceu en 1930.
|