vb2manueluhia.html
PINTOR, ILUSTRADOR, E
DESEÑADOR GRÁFICO
Manuel Uhía é natural de Portonovo (Pontevedra).
Estudou debuxo, pintura e escultura na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde
tivo como profesores a Luis Torras e Camilo Nogueira.
En 1967 a Deputación de Pontevedra concédelle unha
pensión para estudos de pintura, coa que se despraza á Madrid. Alí estuda na
Real Academia de San Fernando e no Círculo de Belas Artes. O seu estilo comeza
vinculado ao realismo costumista e académico, achegándose en ocasións á corrente
estilística imperante: a nova figuración. En 1968 viaxa a París atraído pola
pintura dos distintos "ismos" que xurdiron no século XX, e a actividade
artística da cidade do Sena lévao a realizar algún experimento informalista, que
pronto descartará. Anos máis tarde visitará varias cidades de Italia a fin de
analizar os mestres do Renacemento en directo.
Durante a súa estancia en Madrid Manuel Uhía entra en contacto co mundo
editorial, onde colabora como ilustrador de libros para distintas editoriais,
actividade que segue a compartir con pintura.
Na década dos 70 a pintura de Manuel Uhía decántase
pola abstracción, que mostrou na III Bienal Internacional de 1978 e na V Bienal
Nacional de 1979, ámbolas dúas en Pontevedra. A constante evolución do estilo
apréciase no uso de ocres e contornos cada vez máis evanescentes.
O traballo de Manuel Uhía ven figurando en exposicións
en varias cidades da Península e participou en mostras colectivas e bienais en
Francia, Boloña, Frankfurt, Bratislava, Arxentina e México.
A súa traxectoria artística foi recoñecida en 1983 co mencións especiais no
Salon d'Automne, en Avignon e Evian (Francia), Primeiro Premio concurso mascota
RC. Celta de Vigo 1996, Premio de ilustración Rañolas 1997, O primeiro premio no
concurso de imaxe institucional Caixanova 2000, Premio Multimedia 2001
(compartido) da Casa das Ciencias (A Coruña), Premio Galix de ilustración 2004,
Distinción White Ravens 2009, Premio Frei Martin Sarmiento 2010 na primeira
categoría, Premio Frei Martín Sarmiento 2014 - 2ª categoría.
Manuel Uhía tamén publicou varios libros e colaborou
como guionista e director de documentais de natureza submarina.
|