María Canosa


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2mariacanosa.html

     Eu son María Canosa Blanco, María.
     Nacín un día de moita calor, o 20 de agosto de 1978; quizais por iso me gusta tanto o sol, a praia, o ceo azul, o mar,... Quizais por iso gusto tanto das paisaxes da Costa da Morte, quizais por iso quixera retratalas nos meus relatos. Quizais por iso.
     Vivín en Cee ata que comecei os estudios universitarios, trasladándome á Coruña. Na miña vila comezaron os intereses literarios, a necesidade de expresarme e contar cousas, e animada polos mestres comecei a presentarme a diversos concursos literarios, e acadar algún premio. O primeiro recibino da A.C. "O FACHO", no ano 1.986. Aínda que comecei escribindo contos, no ano 1.989 levei o meu primeiro premio de poesía, da man da A.C. XERMOLOS, no certame literario "Terra Cha". Outras institucións que tiveron a ben premia-los meus traballos literarios foron: a ONCE, co "Concurso de Contos en Galego"; a "Feira do Libro de Cee"; a A.C. Terra de Sena; a Biblioteca Municipal D. Francisco Mayán; o Concello de Corcubión; a Federación de Libreiros; o Instituto Agra de Raíces; o certame Francisco Fernández del Riego; a A.C. Niké,... e outras. Algúns dos escritos, gracias a estes galardóns, viron a luz en forma impresa, como tamén foi o caso da participación na Revista Nenas, "Festa da palabra silenciada".
     A primeira novela naceu case froito da casualidade, tamén nun verán; pero este chuvioso e gris. Eu pasei as épocas estivais da infancia na aldea materna, Lires, xogando a todas horas cos meus primos e os veciños do lugar. Pero unha tempada dun dos veráns deu en chover, e ó non podermos xogar na rúa tiñamos que busca-la diversión dentro da casa. Como non podía ir na procura de aventuras polos recunchos da aldea adiante, decidín inventar unha aldea para min, un tempo e unha historia.
     Así naceu e así medrou Bramido Maino, coa única intención de divertirme, de xogar, sen outra pretensión. A sorpresa foi que, tras atopar un concurso no que a puiden presentar, resultase galardoada. Recibiu un accésit, pero resultei ser a máis agraciada dos participantes, xa que á cea á que nos convidaron para celebra-lo evento, tamén acudiu D. Manuel Beiras García, quen alentado polo miña xuventude e ledicia (contaba eu con trece ou catorce anos) interesouse pola publicación da miña obra, e sen que eu soubese practicamente nada encargouse da publicación da mesma en Edicións do Castro, en 1.997. Mágoa que el xa non o puidese ver, por mor do seu pasamento.
     Seguín escribindo, lendo, soñando... creando historias e poemas. Participei en mesas redondas (Biblioteca de Narón ou Colectivo Elvira Bao), recibín dúas bolsas de creación literaria promovidas pola Consellería de Cultura (Xunta de Galicia) nos anos 1.994 e 1.995, participei en fórums literarios con alumnos e alumnas e nas campañas "Fomento da Lectura" e "Os nosos escritores" da Xunta de Galicia, diversos recitais poéticos (Galería Sargadelos, Castelo de Vimianzo, Concello de Corcubión, Mostra de Artesanía de O Couto, Batallón Literario da Costa da Morte, A Festa das Letras,...) presentei o volume "Achegamento ó libro" do que son coautora, fun a pregoeira da XIX edición de "A Festa das Letras" (Ponteceso), ...
     Ando a xogar coas cifras e as letras nun programa da TVG, e colaboro semanalmente no xornal La Voz de Galícia.

     E sempre, sempre, ando a cavilar nas historias. Algunhas, convértense en libros. A miña família di que todo isto é froito da maxia que utilizo, a de escribir para soñar e a de soñar para vivir.

 


Facebook da autora

[Marzo, 2012]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega