vb2uxiacasal2.html
Nacín en Santiago de Compostela o 13 de maio de 1957 e
alí vivín durante vinte e sete anos, até que marchei a Ourense a traballar no
ensino público.
Estudiei no único colexio laico e feminino que había
daquela na cidade, San Paio, onde entrei con tres anos e saín con dezasete.
Gustábanme a historia, a arte e a literatura moi por riba doutras materias,
así que, acabado o COU, decidinme pola Facultade de Xeografía e Historia, onde
me licenciei en Historia da Arte Moderna e Contemporánea en 1979. A lingua e a
literatura seguían chamando por min e comecei Filoloxía Románica ese mesmo
ano; en 1981 pasei a Filoloxía Hispánica, e en 1984 licencieime por segunda
vez.
Ó tempo que estudiaba, impartía clase de francés e
literatura nas Aulas da Terceira Idade, e de español nos cursos para
estranxeiros da USC durante un par de veráns. Semellaba predestinada ó ensino,
e ó rematar Filoloxía marchei a Ourense a dar clase de galego na Universidade
Laboral. En 1986 aprobei a oposición de ensino secundario de Lingua Galega e ó
ano seguinte tomei posesión da praza definitiva desa materia no Instituto As
Lagoas. Alí permanecín ata 2003, ano en que me xubilei por problemas crónicos
de saúde.
Actualmente vivo en Ribeira, á beira do mar, gozando
dun clima suave, de moita tranquilidade e, sobre todo, deste océano sempre
igual, sempre cambiante.
Sotelo Blanco publicou en 1994 o meu libro infantil Un
ano de fábula en catro estacións; Galaxia, en 1996, As ás de Xenoveva
tamén infantil e, en 1997, Saturno tamén é deus. Xerais fíxose cargo en
2001 da novela O faro de Arealonga; nesta mesma editorial participei en dous
libros colectivos con senllos relatos: `O pequeno Mario' para Narradoras en
2000, e `A palabra de Deus' para Longa lingua en 2002. Tamén colaborei coa
librería 'Cartabón' de Vigo noutra obra colectiva, Mini.relatos, con `O
nacemento da Humanidade'.
Teño escritos outros libros, polo momento
inéditos, e ando ás voltas con proxectos que avanzan ou retroceden segundo as
circunstancias. Ainda que a saúde non me obsesiona, condicióname, así que con
frecuencia é ela quen dita o ritmo das miñas actividades. Amais de en
escribir, invisto o tempo en ler, pasear e observar, e non desprezo as boas
conversas cos amigos sempre que teño ocasión.
|