vb2miguelsuarezabel.html
ESCRIBO PARA NON TER FRÍO
|
Maria Zambrano dicía
que escribir é "defende-la soidade na que se está, é unha acción que
só agroma desde un illamento efectivo, pero desde un illamento comunicable, no
que, precisamente pola distancia de toda cousa concreta, se fai posible un
descubrimento de relación entre elas". O acto de escribir seria, entón,
unha soidade compartida, unha interiorización cara fóra, un intento de
estructuración do caos para volver de novo a el. Sen embargo, a maioria do
escritores, menos afeitos á finura lóxica da tenra filósofa, diante da
pregunta de por que escriben dan respostas para tódolos gustos.
Así, por exemplo, Vázquez Montalbán ten dito que
empezou a escribir "porque quere ser grande, rico e fermoso"; Severo
Sarduy porque non soportaba o baleiro; Onetti porque coa escritura realiza
"un acto amoroso que me dá pracer"; Roa Bastos "para evitar que
o medo da morte se agregue ó medo da vida"; Alvaro Mutis "por asco de
min mesmo e do mundo"; Henri Michaux "para que o real se volva
inofensivo" e outros, coma Sciascia ou François Sagan, simplemente porque
lles gusta e os fai gozar.
Todas estas razóns, como diría Benedetti a quen lle
roubo as citas dun artigo titulado "La soledad comunicante", teñen
labras de verdade na miña propia razón de escribir. Porque se certo é que
algunhas veces só escribimos para gana-la vida como xa dixera Faulkner (no seu
caso para whisky, tabaco e cabalos), outras, a maioria, perseguimos taponar con
panos de cores o caneiro cheo de onde abrolla a vida, non para tapala, senón
para mellor quedar enchoupados dela. Por iso na escrita depositamos tenrura,
pracer, necesidade, coñecemento, poder e rebelión; e as palabras dos
escritores traducen o conflicto, o medo, a esperanza, a ansia de eternidade, a
soidade cantada e chorada para que os outros se recoñezan e gocen con elas.
Eu sempre pensei que escribía por razóns semellantes
ás que manifesta García Márquez cando di que o fai para que os seus amigos
lle queiran máis. Porque escribir é un acto de amor, de comunicación, que non
resulta pleno se non acada o recoñecemento e a reciprocidade do amado. De aí
que cando un escribe nunca recibe a resposta proporcionada ó que agarda,
experimentando un baleiro de tristura e frío. Pero, curiosamente, canto máis
frío se sente despois do último escrito e algunhas veces un queda frio
coma a morte, máis carraxe lle entra para continuar, porque se cadra
tódalas razóns desembocan en que a alma non aprende como ben entendera
Stendhal; que escribo só para saber por que escribo, como dixo José Donoso; ou
en recoñecer que, coma Rachid Boudjedra, polo que realmente escribo e para non
ter frío.
|