vb2rauldans.html
(A Coruña, 1964)
Dans inicia a súa andadura como
escritor nas emisoras de RNE e RCE, das que foi guionista de
programas de ficción.
Intégrase na Compañía Luís
Seoane e actúa en montaxes escritas e dirixidas por Manuel
Lourenzo. No ano 1988 protagoniza O mozo que chegou de
lonxe de J.M. Synge, unha producción do C.D.G. dirixida
por Mario Gas. Viaxa a Barcelona, onde se forma como autor
teatral e guionista de cine en seminarios impartidos por José
Sanchis Sinisterra, Robert Mc Kee, Simon Feldman...
Actor e director de dobraxe,
guionista de televisión, escribe as curtametraxes Ondada, O Proceso e
Exterior-día
(Premios Obradoiro na Rúa 1997), e máis recentemente Fragmentos,
guión de longametraxe subvencionado pola Dirección Xeral de
Comunicación Social e Audiovisual.
Dramaturgo da chamada Promoción
dos noventa que, en palabras de Manuel Vieites, inicia a súa
aventura creativa nun momento de verdadeira bonanza para o teatro
galego e, consecuentemente, para a creación dramática,
Raúl Dans é o autor do Manifesto do Teatro Galego do ano 1998,
no que reivindica un espacio de liberdade para o teatro, unha
arte necesaria para sobrevivir.
Ademais dunha incipiente obra
narrativa, ten escrito unha chea de ensaios e ponencias de
reflexión sobre a escritura teatral e cinematográfica.
O día 3 de marzo de 1999 o Centro
Dramático Galego estrea no Teatro Colón de A Coruña a súa
obra Lugar texto dun dos máis audaces
dramaturgos de hoxe (Antón Lopo), nunha montaxe dirixida
por Antonio Simón. A denuncia da intolerancia e da
intransixencia, o mudable da condición humana, a reflexión
sobre o destino (como en Cita co Diaño),
ou o fracaso son, ademais do conflicto de relacións home-terra e
campo-cidade (presentes tamén en Matalobos
ou Estrema), algúns dos temas
tratados en Lugar, sinala Dolores Vilavedra
no seu Diccionario da Literatura Galega. Con
Lugar, aventura X. M. Fernández Castro, ábrese no
autor unha liña de investigación máis persoal: a síntese no
formal e a intimidade no temático fan que vaia deixando os modos
do carpinteiro teatral para adquirir progresivamente carta de
poeta dramático.
Segundo Mª José Ragué-Arias,
Raúl Dans caracteriza a súa escritura coa dobre vertente
das súas raíces galegas e dunha temática e unhas formas que se
inscriben nas tendencias das novas dramaturxias españolas dos 90.
|