vb1vidalbolano.html
Roberto
Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade
en 2002. Formou
parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da
década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as
representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades
xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a
creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa
compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve
experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En
1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego
a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma
de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso
teatro.
A súa produción está
caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a
experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto
culta como popular, literaria e histórica, social e política. O
feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa
urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada
ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade
literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de
Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que
enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
A pesar de que xa nas décadas dos
setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente",
"O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como
aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o
recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os
anos noventa, cando a obtención de premios institucionais,
galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro
Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo
Atlántico", "María Casares"...), normalizou
tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por
parte da prensa e, en consequencia, do público.
A súa forte personalidade deixou
unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas
consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
A figura e a obra de Roberto Vidal
Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional
galego.
|