m3sebastianrisco.html
Sebastián Martínez-Risco e
Macías naceu o 19 de Xaneiro de 1899 en Ourense, cidade en que realizou os
estudos secundarios. Posteriormente, trasladouse a Santiago de
Compostela onde iniciou a carreira de Dereito, que máis tarde continuaría na
Universidade de Zaragoza e concluiría en Madrid. En 1924 gañou a oposición
de maxistrado, sendo nos anos 1932-1933 xuíz de instrución no Barco de
Valdeorras e posteriormente en Vilalba; após unha longa excedencia,
regresaría á carreira xudicial na Audiencia de Xirona. Aliás, exerceu a avogacía durante
vintecinco anos en diferentes puntos da Galiza.
Comezou a súa andaina literaria publicando con
dezasete anos os seus primeiros poemas na imprensa diaria de Zaragoza. Anos
despois, xa en Astorga, foi colaborador habitual do xornal El pensamiento
Astorgano e da revista madrileña La Esfera.
Fundou e dirixiu o Ateneo de Lugo, onde organizou
frecuentes encontros culturais e entrou en contacto con figuras
destacadas da cultura galega. Nos anos posteriores á guerra continuaría con
esta faceta de animador cultural e político, promovendo e impulsando
iniciativas de todo tipo. Así, por exemplo, en 1963, fúndase o Partido
Socialista Galego no seu gabinete da Coruña.
En 1944 foi nomeado membro correspondente da Real
Academia Galega e, seis anos máis tarde, numerario da mesma institución,
ingresando en 1953 coa leitura do discurso intitulado "O sentimento
da Xustiza na literatura galega". Desde 1960 até a súa morte presidiu a
Academia, nun período en que se institucionalizou a celebración do Día das
Letras.
Alén destas actividades, Sebastián Risco formou
parte do Consello de Dirección da Revista de Economía de Galicia, do
Consello de Administración da Editorial Galaxia e da sección galega da
revista portuguesa Quatro ventos, para alén de colaborar na revista Scientia
Iuridica, de Braga, e do Galician
Programme, da BBC.
A súa produción
literaria componse de obras de poesía, teatro, romance e ensaio, sendo este
último o xénero maioritario dentro da súa criación.
As súas primeiras obras publicadas La Tanza
negra (1943) e Trébol poético (1943) están redixidas en
español, mais en La esquina amada, do mesmo ano que as anteriores, xa
mestura as dúas linguas. A maior parte da súa produción poética recóllese
no volume póstumo Do recuncho amado, que viu a luz en 1980.
Como ensaísta, editou Presencia da lingua
galega (1973) e un número importante de artigos á volta de diferentes
aspectos da nosa cultura: "Valores espresivos da obra de Castelao"
(1976), "Raíz galega de Valle Inclán","Lamas Carvajal,
Poeta do mundo rural", "Nadal no alén terra"...
Sebastián Risco morreu na Coruña o 24 de Setembro
de 1977.
|