mb2novoneyra.html
Uxío
Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha
familia de labregos. Esta terra será o principal referente
físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da
paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os
eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que
retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas
(1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a
recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os
eidos. Libro do Courel (1981), que terá diversas
reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago,
cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de
Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.
Publica Poemas caligráficos en
1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño,
con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada
arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década
comeza cunha recompilación temática da súa produción poética
completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os
poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do
Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política,
que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo
de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada
certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998
publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Nos seus textos, Novoneyra
explicita o seu compromiso nacionalista e marxista (especialmente
na época en que estes temas son protagónicos na literatura
galega), sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma
poética e mais pola linguaxe, pesquisando na materia lírica até conseguir o mellor resultado visual e sobre todo sonoro para os
textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o
fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos,
os silencios, o simbolismo gráfico, etc).
Páxina web do autor
|