mb2vicenterisco.html
Vicente
María Agustín Gerónimo Martínez Risco e Agüero naceu en
Ourense, en 1884. Licenciouse en Dereito pola Universidade de
Santiago en 1906, tras o cal exerceu a súa profesión na
delegación de Facenda da súa vila natal, mais deixou este
traballo para cursar os estudos de Maxisterio en Madrid, con que
obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense en
1916.
En 1917 fundou con Arturo Noguerol a
revista literaria La Centuria, que abriu unha etapa
marcada polo aristocratismo intelectual, a percepción
decadentista da modernidade europea e un enorme interese
orientalista. En 1918 todo o grupo de La Centuria
manifestou o seu compromiso co galeguismo contactando, a través
de Antón Losada
Diéguez, coas Irmandades da Fala. Esta
evolución ideolóxica ficou plasmada no ensaio Nós, os
inadaptados (1933).
Risco desenvolveu un labor fundamental a
prol da recuperación e dignificación da cultura galega,
preocupación que o levou a atender a múltiples frontes, desde
aconsellar e guiar a nova xeración até se transformar no
ideólogo do nacionalismo co ensaio Teoría do nacionalismo
galego. Foi fundador da revista Nós e colaborou no
Seminario de Estudos Galegos. No campo político consolidou desde
moi cedo o seu peso nas Irmandades, e conseguiu a súa
desmembración creando a Irmandade Nazonalista Galega, de opción
culturalista fronte ás aspiracións políticas da vella
Irmandade da Fala.
Iniciou a súa andaina como narrador no
ámbito da novela curta (Do caso que lle aconteceu ó doutor
Alveiros, 1919; O lobo da xente, 1925,...) para
seguir cunha novela fundamental na literatura galega, O porco
de pé (1928). Mais tamén cultivou todos os outros
xéneros: teatro, poesía e, sobre todo, o ensaio. En 1930 Risco
realizou unha viaxe como bolseiro co fin de se achegar á
etnografía centroeuropea. De regreso publicou "Da
Alemaña" na revista Nós, un conxunto de artigos
que serán compilados posteriormente en Mittleleuropa
(1934), onde se pode apreciar a súa postura ideolóxica, cada
vez máis tradicionalista.
A súa aportación máis destacada dentro
do Partido Galeguista foi a creación e posterior escisión da
Dereita Galeguista. Durante a guerra foi un afervoado cantor dos
fascistas sublevados. En 1945 marchou a Madrid, mais voltou
definitivamente para Ourense en 1948. Son anos en que Risco está
centrado na súa carreira como escritor español. De todos os
xeitos, a instancias dos seus vellos camaradas, baixo o título
de Leria, publicou en 1961 unha escolma de traballos
filosóficos, críticos e literarios, redixidos na nosa lingua
entre 1920 e 1955.
Tras a súa morte, acaecida en 1963, a
multifacetada e controvertida personalidade de Vicente Risco
continuou a exercer unha forte fascinación, e a súa obra
investigadora, ensaística, crítica, etnográfica e literaria
foi obxecto de numerosos estudos.
Fundación
Vicente Risco
|